Entran a roubar de madrugada nun domicilio e acaban retidos por un grupo de veciños
Por Redacción
Dous homes e dúas mulleres de 25, 26, 20 e 17 anos de idade respectivamente, o primeiro deles con antecedentes policiais, foron detidos por axentes da Comisaría Provincial de Pontevedra. A todos eles, veciños da cidade, impútaselles un delito de roubo con forza nun domicilio de Pontevedra, ocorrido este mesmo domingo.
Os feitos sucederon sobre a 01.35 horas da madrugada. A esa hora, un particular chamaba ao 091 para alertar que varias persoas entraran nun domicilio da súa propiedade. Ao parecer tras soar a alarma da vivenda dos seus pais achegouse á mesma para comprobar se estaba todo ben e unha vez no seu interior sorprendeu a catro individuos no salón da vivenda.
Ao lugar dirixíronse inmediatamente varias patrullas policiais que, á súa chegada, atopáronse no interior do domicilio cos catro mozos e varios veciños que, avisados polo seu propietario, acudiran na súa axuda para inmobilizar aos ladróns.
Tras unha inspección ocular no interior da vivenda, os axentes observaron dúas das habitacións totalmente revoltas con armarios abertos e caixóns no chan. Atoparon tirados no chan xunto a un dos detidos un par de pendentes e unha cadea que recoñeceu subtraer nun caixón dunha das habitacións. Ademais comprobaron que accederan ao interior tras forzar a persiana dunha fiestra dunha das habitacións.
Tras un cacheo preventivo os axentes atoparon nos petos dos agora detidos luvas e unha linterna, ademais das chaves dun vehículo que foi inspeccionado polos axentes e no que atoparon unha caixa de luvas multiusos e unha barra de ferro.
Por todo iso, os axentes procederon á detención dos catro mozos e ao seu traslado a dependencias policiais, tras o cal foron postos a disposición da autoridade xudicial. Mentres, a menor foille entregada ao seu proxenitor tras ser informada da súa detención por un presunto delito de roubo con forza.