Un faladoiro e un obradoiro de sexualidade para celebrar o 8 de marzo en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Día Internacional da Muller que, como é habitual, celebrarase o próximo 8 de marzo, tamén terá a súa propia programación en Ponte Caldelas. O goberno municipal preparou dúas actividades nas que se falará de cuestións como o papel da muller na sociedade, a igualdade real, a identidade, o desexo ou a expresión da afectividade sexual ao longo da vida.
O programa comezará o mesmo xoves 8 cun faladoiro dirixido por Esperanza Díaz Beltrán e no que participarán varias mulleres veciñas do municipio. A través dunha conversa irán compartindo as súas historias de vida: experiencias profesionais e laborais, relacións persoais, familiares e sociais, lecer, corresponsabilidade, lembranzas ou expectativas.
Será a partir das 18.30 horas no salón de actos do Centro Cultural de Ponte Caldelas con acceso aberto a todo o público, previa inscrición. Falarase sobre a erradicación de clixés e violencias machistas, a equidade salarial, a igualdade no acceso á educación, a presenza feminina na política ou na empresa ou a universalización de coidados, entre outros aspectos.
A segunda actividade será o obradoiro que leva por título "Muller: identidades, afectos e coidados. Cómo amar aos demais empezando por unha mesma". Desenvolverase durante os venres 10 e 17 de marzo, en horario de 18.00 a 20.00 horas.
A educadora sexual Débora Baz presentará a sexualidade "como unha fonte de pracer, saúde, benestar e comunicación, que, vivida de xeito satisfactorio, é tamén unha fonte de comprensión cos demais, así como unha eliminación de tensións e rixideces".
Será unha oportunidade para aprender sobre conceptos como a identidade sexual, o desexo sexual e a afectividade sexual. As prazas son limitadas a 20 persoas e formarase un grupo pechado para gozar das dúas sesións de xeito gratuíto.
As solicitudes para participar en ambas actividades deben realizarse no Servizo de Atención á Cidadanía do Concello de Ponte Caldelas ou na sede electrónica do Concello.