Laxoso e Augasantas dan o seu visto bo ao acordo para reformar a PO-234
Por Redacción
As obras de reforma da estrada autonómica PO-234 xa contan con todas as bendicións de parte dos veciños de Laxoso (Ponte Caldelas) e Augasantas (Cerdedo-Cotobade), que en sendas asembleas, deron o seu visto bo ao proxecto e as prazos acordados entre os dous concellos e a administración titular deste viario, a Xunta de Galicia.
A ampliación da estrada, que verá mellorada a súa seguridade viaria, foi posible, segundo os veciños de Laxoso, pola presión social que se fixo desde Ponte Caldelas. Iso si, aceptan o calendario de obras pero esixen a sinatura inmediata do convenio proposto polo seu goberno municipal.
Así, reclaman que se licite durante este ano 2017 os dous primeiros tramos: de Ponte Caldelas a Laxoso e de Augasantas a Portasouto, e durante o ano 2019, que se acometa a licitación e execución do tramo intermedio entre Laxoso e Portasouto.
O Concello asumirá en dúas anualidades as expropiacións do tramo de Laxoso, a razón de 20.000 euros este ano, e o resto (cun tope máximo de 40.000 euros) no ano próximo. Unha solución pioneira, recordan, que xurdiu tras comprobar que a relación de 99 afectados estaba chea de deficiencias, con persoas falecidas, emigradas ou fincas “en investigación”.
Pola súa banda, o tramo de Augasantas (Cerdedo-Cotobade) a Portasouto (Ponte Caldelas) só inclúe 16 fincas no lado cotobadés, mentres que para o lado caldelán, a Xunta non considerou necesario recoller sinaturas, segundo o Concello.
Andrés Díaz explicou que o director xeral de Infraestruturas comprometeuse a licitar conxuntamente estes dous primeiros tramos durante este ano, polo que as obras serán executadas simultaneamente, cando menos en parte.
Tamén en Cerdedo-Cotobade houbo asemblea popular. Foi cos veciños de Augasantas, co gallo de explicarlles o estado de diversos proxectos que afectan á parroquia e, principalmente, pola próxima mellora da estrada autonómica PO-234 para a que a Xunta consignou 650.000 euros este ano.
Jorge Cubela lembroulles que, nunha recente xuntanza na delegación territorial da Xunta en Pontevedra, acordouse a inmediata licitación da obra polo treito de Cotobade despois de que o Concello acadara a cesión de todos os terreos afectados e os puxera a disposición da administración autonómica.
Tamén informou aos veciños do protocolo de actuación que se vai seguir neste caso e garantiulles que se procederá á reposición de todos os muros das fincas afectadas tan pronto como remate a obra.
Cubela avanzou aos veciños de Augasantas outros proxectos para a parroquia, como a reforma integral da Casa do Pobo, enmarcada no Plan de Centros Veciñais 2019, co que se pretende ter todos os locais sociais do municipio en perfectas condicións na presente lexislatura municipal.
Ao respecto, indicou que se van destinar 54.000 euros á mellora deste recinto e que se vai proceder á licitación antes do mes de xuño.
O presidente tamén comentou que están en marcha o permiso para a construción do muro da alameda, o arranxo da fonte das Pozas e unha subvención de 26.000 euros para acometer a traída de augas dos lugares de As Boliñas, O Igrexario e Ceraxe.
Relacionadas:
-
Os alcaldes de Vilaboa e Ponte Caldelas exploran vías de colaboración
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas achega 40.000 euros á Xunta para desbloquear as obras da estrada PO-234
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas mantén a súa oferta á Xunta de pagar as expropiacións da PO-234
Por Redacción |
-
Andrés Díaz reclama a Feijóo "normalizar" as relacións institucionais con Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O goberno local de Ponte Caldelas dará conta aos veciños do acordo coa Xunta na PO-234
Por Oskar Viéitez |
-
Os populares de Ponte Caldelas critican ao concello por malgastar e perder o tempo
Por Oskar Viéitez |
-
A PO-234, en obras o próximo verán polo tramo de Cotobade; Ponte Caldelas terá que esperar
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |