Todo preparado en Cuntis para celebrar os vinte anos da Festa do Lacón
Por Redacción
Nada impedirá que Cuntis celebre este domingo 5 de marzo a vixésima edición da Festa do Lacón con Grelos, un evento que volverá reunir nesta vila termal a centos de persoas para degustar este prato tan típico da gastronomía galega.
Os operarios municipais apuraron as últimas horas para lograr que todo estea a punto na carpa que acollerá a festa, instalada como é habitual na zona do Espadenal. A organización espera, como mínimo, igualar as 1.600 racións que se serviron deste prato na pasada edición.
Para iso, de novo, poderase degustar este saboroso lacón con grelos na comida que se celebrará na carpa a partir das dúas da tarde.
A XX Festa do Lacón con Grelos comezará coa actuación da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis e a apertura da feira de artesanía e produtos agroalimentarios. Ás 12.00 horas, será a lectura do pregón desta festa, que correrá a cargo da actriz e humorista pontevedresa Bea Campos.
Dentro da programación da festa incluirase tamén a novena edición do Vespalacón (12.30 horas), a Mostra de Entroido Tradicional (13.00 horas), un concerto do grupo Caxade (17.30 horas) ou a actuación da Banda Xuvenil de Cuntis xunto á soprano Marina Pena Chaves (18.30 horas).
A partir das 19.15 horas, celebrarase o velorio do Chapante e quince minutos máis tarde terá lugar o seu enterro.
Haberá ademais actividades destinadas ao público infantil e ata seis mostras: unha de camelia, outra de bonsáis, unha de apeiros de labranza, outra de cerámica, unha de encaixe e unha última conmemorativa dos vinte anos do lacón en Cuntis.