Enfróntase a 18 anos de cárcere por entrar a roubar na casa dun ancián, estrangulalo e queimar o cadáver
Por Redacción
Dezaoito anos e cinco meses de prisión. É a condena que solicita a Fiscalía de Pontevedra para un veciño de Valga que está acusado de entrar a roubar na casa do seu veciño, un home de 92 anos, a quen estrangulou despois de golpealo. Segundo o fiscal, posteriormente regresou ao domicilio para queimar o cadáver.
Este macabro crime cometérono dúas persoas, pero tan só unha sentará o vindeiro xoves 9 de marzo no banco da sección cuarta da Audiencia de Pontevedra. A outra nunca puido ser identificada.
O suceso causou, no seu día unha fonda conmoción en Valga. A vítima era unha persoa moi coñecida na vila.
O escrito de acusación relata como, o 28 de maio de 2013, o acusado púxose de acordo con esta segunda persoa para entrar en casa do seu veciño, do que sabían que gardaba importantes cantidades de diñeiro en metálico no interior do seu domicilio.
Aproveitando que a última hora da tarde este saía polo portal traseiro da vivenda para dar para comer aos seus animais, rexistraron toda a vivenda en busca deste botín. Non tiveron éxito e, en plena procura, foron sorprendidos pola vítima.
O fiscal asegura que, tras golpearlle repetidamente na cabeza, arrastraron o seu corpo a través do garaxe cara a unha capela anexa á vivenda, onde o mataron. Mentres a persoa non identificada exercía funcións de vixilancia, o acusado rodeoulle o pescozo co seu brazo e estrangulouno ata que lle causou a morte por asfixia.
Horas despois, o acusado regresou á vivenda cunha garrafa de gasolina e prendeu lume ao cadáver para eliminar as pegadas e os indicios do crime.
A Fiscalía solicita quince anos de prisión para o acusado por un delito de homicidio e tres anos e cinco meses por un delito de roubo con violencia en grao de tentativa.
Ademais, de ser condenado nos termos que recolle o escrito de acusación, o acusado tería que indemnizar con 5.000 euros cada un a tres dos fillos da vítima. Os outros seis renunciaron pedir este diñeiro.