Mosquera cre que "non hai moitas posibilidades" de transferir competencias da Deputación á Xunta
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, cre que "non hai moitas posibilidades" de avanzar na transferencia de competencias á Xunta. Mosquera referiuse este venres en rolda de prensa ao recente encontro entre a presidenta provincial, Carmela Silva co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
O goberno provincial pretendía obter do executivo autonómico "un marco de relación privilexiada" para a Deputación de Pontevedra "salvando as distancias de quen está gobernando en cada sitio" e tendo en conta que das catro galegas é a administración provincial que ten unha "maior carga" de organismos, institucións e centros que desenvolven "claramente, sen ningunha discusión" competencias que non lle son propias.
"Queriamos que mesmo servise de exemplo de como se pode colaborar entre unha Deputación e a Xunta", afirmou César Mosquera ao referirse ás "problemáticas" relacións que "sempre houbo" entre ambas as administracións "mesmo estando a mesma forza política gobernando nos dous lados".
"Neste sentido a entrevista foi pouco produtiva", lamentou o vicepresidente provincial xa que entende que "co tempo que queda e as expectativas que hai desde a Xunta, obviamente parece que non hai moitas posibilidades de grandes avances".
Mosquera tamén se referiu a outros "síntomas moi preocupantes" como foron, ao seu xuízo, que non houbese declaracións de Feijóo pero "nunha práctica francamente estraña" si falaron sobre este asunto os portavoces do grupo provincial do PP e engadiu que "despois mandaron ao sindicato afín ao PP" para dar a súa versión sobre este traspaso de competencias.
Sen pechar de todo a porta, Mosquera afirmou que "aínda mantemos esperanzas" e apuntou que neste sentido a Deputación vai cumprir co comprometido realizando os informes sobre a situación de cada centro.
Finalmente o vicepresidente pontevedrés considera que "sería dun optimismo esaxerado, rozando a inxenuidade" crer que pode haber algún avance co marco creado no ano 2012, cando Alberto Núñez Feijóo e os por aquel entón presidentes provinciais asinaron un protocolo que pretendía "evitar duplicidades" mediante a "simplificación do mapa das competencias", con todo, o vicepresidente pontevedrés destacou que de todo aquilo "o único que saíu foi que a Xunta lles meteu ás deputacións o financiamento dos servizos sociais dos concellos de menos de 20.000 habitantes".
"Neste marco moi dificilmente hai posibilidades de avanzar nada", concluíu o mandatario nacionalista.
Relacionadas:
-
CCOO denuncia a "utilización partidista" dos menores internados en Príncipe Felipe para conseguir a transferencia do centro
Por Diego Espiño |
-
Comisións Obreiras expresa o seu rexeitamento a que a Deputación transfira o Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
O PP quere unha comisión para valorar a transferencia de competencias da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Príncipe Felipe e o Pazo de Lourizán, entre as "posibles" transferencias entre Deputación e Xunta
Por Alejandro Espiño |