O Concello presume de saúde financieira tras pechar 2012 cun superávit de 200.000 euros
Por Alejandro Espiño
"O Estado presume de pechar cun 6% de déficit, a Xunta presume de ter menos déficit que outras comunidades (...) pois en Pontevedra, a diferencia doutras administración, pechamos con superávit". Así presumía o concelleiro de Facenda, Raimundo González, da boa situación económica do Concello de Pontevedra. O exercicio de 2012 pechouse, segundo desvelou, cun superávit de máis de 200.000 euros.
E iso que, segundo recordou Raimundo González, o plan financieiro do Concello prevía déficit para este ano, pero finalmente os gastos do ano pasado foron inferiores aos ingresos que se obtiveron. En concreto, o orzamento de 2012 situouse nos 67,3 millóns de euros, aínda que sumando os compromisos adquiridos, é dicir, as actuacións licitadas pero non executadas, chegou ata os 86 millóns.
Os gastos do Concello de Pontevedra en 2012 referíronse principalmente a gastos correntes (26 millóns), persoal (19 millóns), investimentos (14,5 millóns), transferencias (4 millóns) e intereses e amortizaciones de créditos (4,3 millóns). Mentres tanto, os ingresos procederon principalmente das transferencias do Estado (11,9 millóns), da Xunta (4 millóns) e por IVA e IRPF (14 millóns). O resto ingresouse vía taxas e impostos municipais.
Isto débese, principalmente, a unha contención do gasto corrente que se reduciu nuns 5 millóns de euros e a que os ingresos presupostados superáronse ata nun 8 por cento, malia que o Estado transferiu un millón de euros menos do comprometido inicialmente e que a Xunta aportou menos cantidade de diñeiro que o exercicio anterior.
Con estas cifras, Raimundo González destacou que a débeda total do Concello de Pontevedra situouse en 2012 en 23 millóns de euros, o que se traduce nun nivel de endebedamento do 35%, notablemente inferior á media nacional. Isto permitirá, dixo, poder recorrer a créditos "sen necesitar de autorizacións externas", xa que "temos aforro neto e bruto positivo". Este préstamo podería chegar ata os 3,8 millóns de euros.
Ademais, o edil nacionalista destacou que a "situación da empresa", en referencia ás arcas municipais, é "envidiable", xa que hai un remanente líquido de tesourería que supera os 13 millóns de euros. Este diñeiro poderase destinar a diferentes investimentos que se consideren imprescindibles" ou a financiar actuacións de carácter social, para estimular o emprego ou para a promoción de eventos de deportivos.
Tras analizar estas cifras, o concelleiro de Facenda explicou que, con respecto ao orzamento de 2013, "estamos nunhas condicións moito mellores para analizar o teito de gasto imposto pola lei de estabilidade orzamentaria", pero non quixo adiantar nada máis con respecto á súa tramitación.