Carmela Silva esixe "medidas drásticas" contra o "autobús do odio" de Hazte Oír
Por Alejandro Espiño
Carmela Silva teno claro. O autobús transfóbico da asociación ultracatólica Hazte Oír "atenta" contra os dereitos e liberdades das persoas con orientacións sexuais diferentes. Por iso, esixe que se tomen "medidas drásticas" contra este colectivo pola campaña que puxeron en marcha co coñecido xa como "autobús do odio".
"É insoportable e inadmisible que no século XXI poidan suceder actuacións semellantes", explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra.
Foi durante a inauguración en Caldas de Reis da exposición Sorrisos transformadores, que precisamente busca dar visibilidade á diversidade e previr actitudes discriminatorias pola orientación sexual e a identidade de xénero dos menores.
A dirixente socialista asegura sentirse "avergoñada" porque existan asociacións que defendan este tipo de posturas que "van en contra" da propia Constitución Española, que establece a igualdade e a "non discriminación" por razóns de sexo, raza ou relixión.
Unha sociedade, engadiu, só é "decente, democrática e avanzada" cando respecta a liberdade da xente.
A exposición, organizada pola Deputación e a asociación Arela, recolle dez fotografas que reflicten diferentes realidades de persoas transexuais ou que, sen selo, transmite unha mensaxe de positivismo e de orgullo cara a este colectivo. Todas elas levan unha lenda común: "respecta, defende, sensibiliza, iguala, vive e deixa vivir. "
Sorrisos transformadores busca facer de Pontevedra, lembrou Silva, unha provincia que "respecta e defende" a todas as persoas, especialmente aqueles que son "discriminadas inxustamente" e que lembre que calquera tipo de violencia sobre este colectivo supón unha "vulneración atroz" dos dereitos humanos.
Relacionadas:
-
Carmela Silva considera unha "vergoña" que o PP non aprobe a lei de identidade de xénero
Por Oskar Viéitez |
-
"Mañá non haberá nada máis importante que a muller"
Por Sofía Fernández Fuentes |
-
Comisións Obreiras acusa a Carmela Silva de usar as políticas de igualdade para a súa "promoción persoal"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación visibiliza o seu compromiso coas políticas de igualdade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |