Condenan a seis anos de prisión o vilagarcián que atropelou intencionadamente dúas irmás
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra condenou a un veciño de Vilagarcía de Arousa, Juan P.R., a seis anos de prisión por dous delitos de homicidio en grao de tentativa.
A sala considera probado que o 11 de xuño de 2014 o acusado atropelou de forma intencionada dúas mulleres, irmás e veciñas do procesado, debido á mala relación que tiña cunha delas, de quen xa tiña unha orde de afastamento.
Os maxistrados non dan credibilidade á versión da defensa, quen na vista oral argumentou que o atropelo se produciu de forma non intencionada debido a un deslumbramento sufrido polo condutor a causa do sol.
Á hora de fixar a pena, a sala tivo en conta as atenuantes de alteración psíquica e confesión.
O médico psiquiatra que atendeu ao acusado entre 1998 e 2007 asegurou que o home ten diagnosticado un trastorno mixto da personalidade que provoca que sexa "facilmente irritable" e que poida responder "impulsivamente" ante certos episodios.
A Fiscalía solicitaba inicialmente unha condena de 18 anos de prisión, nove por cada un dos delitos de homicidio en grao de tentativa. Con todo, tras a vista oral reduciu a súa petición ata os dez anos, cinco por cada un dos atropelos.