Luís Uriarte: "Hai grandes organizacións de narcotráfico con penas que noutros países serían para quen vende 10 gramos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Luís Uriarte Valente (Madrid, 1967) ingresou na carreira fiscal en 1998 e os últimos 18 anos estivo destinado na Fiscalía Provincial de Pontevedra, na que pasou pola área de delitos telemáticos e, durante sete anos, foi fiscal especial antidroga e azoute das organizacións de narcotraficantes nas Rías Baixas. Ata esta semana. O pasado venres 24 de febreiro foi o seu último día nas dependencias do quinto piso do edificio xudicial da Parda antes de estrearse na Secretaría Técnica da Fiscalía Xeral do Estado en Madrid.
No día da súa despedida, que balance fai do seu paso por esta Fiscalía?
Deixo media vida aquí. Levo 18 anos, que é media vida. Fago un balance moi positivo. Persoalmente estiven moi feliz e profesionalmente aprendín todo o que sei. Desenvolvín toda a miña vida profesional.
Nesta última etapa foi o fiscal especial antidroga, pero tamén resultou destacada a súa época en delitos telemáticos, aínda que agora pareza xa un pouco afastada. Que lembra daquela especialidade?
Foi moi bonito e moi interesante. É unha das cousas que máis me gusta. Levo tempo sen traballar niso, sen estudar esa materia, pero si me gusta e no seu día encheume moito.
Desde que deixou esa especialidade e en 2010 asumiu a antidroga, como cambiou a situación do tráfico de drogas e as redes de narcotráfico na provincia de Pontevedra?
Pouco. Galicia é unha das portas de entrada de cocaína en Europa. Era e é. Hai organizacións asentadas aquí desde hai anos que teñen os contactos con Latinoamérica, que é de onde vén a cocaína. A cocaína vén por mar e, por tanto, se ademais temos persoas que dominan o medio, como ocorre en Galicia, pois se fai un cóctel moi interesante para recibir cocaína.
Que puido cambiar? Pois que se cadra en 2017 entra máis cocaína polos portos en colectores en comparación co que o facía en 2010, que tamén entraba, e por tanto diversificouse un pouco. A cocaína sobre todo en grandes cantidades entra por colectores e en barcos e lanchas. En 2010 había unha porcentaxe máis alta das lanchas e barcos e menos de colectores e agora cambiou un pouco a situación. Como hai portos fóra de Galicia isto tamén diversificou a entrada da cocaína.
Cando vostede empezou nesta sección, hai sete anos, dicíase que Galicia era a principal porta de entrada de droga a Europa. Cambiou algo a situación?
Segue tendo a mesma importancia, sen prexuízo de que hai organizacións galegas que están a introducir droga por outros portos de España que non son Vigo ou Marín. Do mesmo xeito que hai organizacións de fóra de Galicia que a introducen por Vigo e Marín. Pero, si, a día de hoxe entra máis cocaína polos portos que polos barcos e, por tanto, por fóra de Galicia.
"A sociedade pasou de aplaudir, aceptar e integrar ao narcotraficante ao silencio e ao desprezo"
Ten a sensación de que segue habendo tolerancia social a estas actividades e por iso non se consegue erradicar? Ou cal é o motivo de que a loita contra a droga non consiga acabar con ela?
Tolerancia social hai moita menos que hai anos, pero eu creo que aínda son necesarios pasos importantes. A sociedade creo que pasou de aplaudir, aceptar e integrar ao narcotraficante ao silencio e ao desprezo do narcotraficante. Pero é necesario un paso máis para que colabore en erradicalo. Eu nos anos que estiven aquí recibín moitas denuncias -anónimas a maioría-, tanto escritas como verbais, contándome cousas. Iso é o que ten que avanzar.
Cal foi o momento máis difícil destes anos?
Os primeiros anos, nos que me tiven que adaptar a unha materia nova que non coñecía e, sobre todo, tiven que estudar moitos procedementos que estaban pendentes e que eu non coñecía, e sacalos adiante. Foi realmente duro, unha chea de horas de traballo e moi difíciles. No momento no que todo o atasco que había saíu e os procedementos que quedaban xa os coñecía, todo foi máis fácil, claro.
E o caso máis grave que levou?
Non hai ningún caso máis grave que outros. Podo valoralos desde un punto de vista estritamente xurídico. No Código Penal, os máis graves son os que utilizan embarcacións, nos que a cantidade de droga é extraordinaria -máis de 750 quilos puros de cocaína ou 300 quilos de heroína puros-, ou as organizacións internacionais. Nesta Fiscalía nos anos que eu estiven tiven moitos casos destes. Noutros lugares son anecdóticos e teñen un caso en varios anos, pero aquí todos os anos tiñamos 1, 2, 3... procedementos de tráfico de drogas extremadamente graves.
O máis perigoso para a sociedade?
O máis perigoso para a sociedade eu creo que son as organizacións que hai detrás do tráfico de drogas. As organizacións delituosas que se dedican ao narcotráfico non só cometen delitos de narcotráfico. É tremendamente habitual que existan ao redor delitos de tenencia ilícita de armas, falsidade documental, delitos contra a vida ou a integridade física das persoas, branqueo de capitais... Todo isto repercute na sociedade de maneira tan grave ou máis que a droga en si. Pensemos que igual non lle damos a importancia que ten ao branqueo de capitais. Cando unha organización inxecta na sociedade importantes cantidades de diñeiro, o que en definitiva fai é competir deslealmente coas persoas que están a investir o seu diñeiro co seu esforzo.
"Se hai unha causa para que en España estean a asentarse organizacións criminais -e estanse asentando- é a benignidade das nosas penas"
Considera que habería que modificar o Código Penal nalgún sentido para adaptarse á gravidade destes casos?
Efectivamente, un dos motivos polos que non desaparece o tráfico de drogas baixo o meu punto de vista é a levedade das penas que establece o noso ordenamento xurídico contra o narcotráfico. Confundiuse o gran narcotráfico co pequeno narcotraficante que nun determinado momento tamén é vítima do narcotráfico. Son dúas cousas distintas e o Código Penal ten que ter resposta para as dúas de forma distinta. Eu creo que o lexislador é consciente e tentou reflectir no noso Código Penal esa situación, pero non o conseguiu. Ademais, pódoo afirmar con datos obxectivos.
Miremos as sentenzas que ditan os nosos tribunais e comparémolas coas doutros países da nosa contorna. Eu vexo grandes organizacións de narcotráfico con importantes cantidades de droga cunhas penas que noutros países serían para quen vende 10 gramos de droga. Iso é tremendamente grave. Iso xera un efecto chamada de tal modo que tamén considero que se hai unha causa para que en España estean a asentarse organizacións criminais -e estanse asentando- é a benignidade das nosas penas. Por tanto, si, habería que analizar o problema do narcotráfico a gran escala para que tivese penas proporcionadas á gravidade do delito, que hoxe en día non as ten.
O seu predecesor como fiscal antidroga, Marcelo Azcárraga, tamén dera o salto a Madrid. Esta Fiscalía é un trampolín?
Nin é un salto nin é un trampolín. Ao final eu son a cara visible desta Fiscalía, pero detrás hai moita xente traballando, non só a fiscalía antidroga, que somos unha sección con varios fiscais, senón porque se eu podo dedicarme en exclusiva ao narcotráfico é porque hai outros compañeiros encargándose doutros asuntos. Ademais, somos un equipo e tiven moito apoio sempre. É unha Fiscalía cun nivel profesional tremendo, que a xente non coñece, e eu beneficieime diso.
Para esta nova etapa, como a afronta?
Como un reto profesional novo no que tes que empezar de cero, cunha materia que non traballei nunca e, por tanto, teño que estudar, aprender e desenvolverme profesionalmente. En definitiva, un reto.