A Deputación e Abanca impulsan unha liña de crédito para pemes e autónomos
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra e Abanca asinaron este martes unha nova liña de crédito de 50 millóns de euros para familias, pemes, micropemes, persoas autónomas e corporacións locais da provincia. Trátase dunha renovación do Plan Activamos, no que se incrementa un 6% o volume financiado con respecto ao último convenio.
Nos seus dous anos e medio de vixencia, iniciouse en xullo de 2014, este programa financeiro leva concedidos 116,8 millóns de euros mediante un total de 5.179 créditos "brandos", destinados, principalmente, a proxectos de emprendemento, novos investimentos e circulante empresarial.
O crédito amparado polo Plan Activamos conta cunhas condicións financeiras moi vantaxosas: tipos de xuro por debaixo do mercado, cero comisións de estudo, amortización ou cancelación anticipada; amplos prazos de amortización e posibilidade de carencia naquelas modalidades nas que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.
Despois de asinar o protocolo de colaboración a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, informaron en rolda de prensa das novidades deste ano, entre outras, os créditos para a rehabilitación de vivendas unifamiliares en poboacións da provincia de menos de 20.000 habitantes e tamén sinalaron as axudas ás persoas con diversidade funcional para a compra de material ortopédico.
Santiago Novoa definiu ao Plan Activamos coma un convenio "vivo, dinámico, flexible, revisable tanto en prezos coma no importe de financiamento establecido; integrador e transparente, ademais de garante da inclusión financeira".
As corporacións locais tamén poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e para atender necesidades de tesourería.
Relacionadas:
-
A Deputación e Abanca poñen a disposición de empresas, familias e concellos unha liña de crédito de 50 millóns
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Deputación, Abanca e o "orballo do crédito"
Por Redacción |
-
A Deputación e Abanca asinan un acordo financeiro para apoiar empresas, familias e corporacións locais
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |