Cando os problemas técnicos dificultan impartir xustiza
Por Natalia Puga
A informática e a tecnoloxía estanse a converter nun auténtico pesadelo para a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. Hai xa meses que sufría dificultades asociadas ao sistema para realizar videoconferencias, pero desde principios deste ano 2017 atopáronse cunha a maiores causada polo sistema de gravación instalado dentro da sala de vistas para documentar tanto en audio como en vídeo toda a sesión.
O maxistrado presidente da sección, Xosé Xoán Barreiro Prado, recoñeceu estas dificultades este luns raíz dun problema detectado nun xuízo que se renovou contra dous acusados de participar nunha agresión sexual nas festas de Lalín. Durante a segunda sesión da vista o xoves 23 de febreiro, o sistema non funcionou correctamente e deixou de gravar a seis testemuñas.
Desde a posta en marcha destes sistemas de gravación, o secretario xudicial xa non levanta actas como as de anos atrás, senón que a acta completa é a propia gravación e limítase a unha documentación máis. Neste caso, ao non haber audio nin vídeo, deberán comprobar se a acta levantada é satisfactoria para as partes e, en caso contrario, volver chamar aos seis testemuñas a declarar.
Neste xuízo en concreto, o problema pode ser facilmente liquidado porque aínda se está celebrando e non será complicada a citación de tan só media ducia de persoas, pero os problemas co sistema de gravación veñen de atrás e deixaron á sala en problemas con polo menos dous casos. O tribunal da Sección Segunda ten dúas sentenzas pendentes de poder resolver porque non se gravou ningunha parte do xuízo.
Un dos dous casos afectados é o relativo a un xuízo por estafa continuada na instalación de casas prefabricadas de madeira contra J.M.M.R., xerente da mercantil de Viascón (Cotobade) RFO S.L., que se enfronta a unha pena de sete anos de prisión e unha multa de 372.240 euros. A vista oral celebrouse o 17 de xaneiro e o sistema non recolleu a sesión. Especialistas da Xunta de Galicia están a tentar recuperar a gravación, pero, no caso de que non o consigan, deberá repetirse toda a proba, co consecuente prexuízo tanto para as presuntas vítimas como para o resto de testemuñas e, ademais, o traballo engadido da Sección Segunda.
Solucionar estes problemas técnicos, do mesmo xeito que as dificultades co sistema de videoconferencia, é responsabilidade da Xunta de Galicia, pois os equipamentos xudiciais son responsabilidade da administración autonómica, segundo lembran desde a Audiencia Provincial.
Relacionadas:
-
Sete anos de prisión para un empresario por quedar co diñeiro de dúas casas de madeira que non entregou
Por Natalia Puga |
-
Denuncian a ausencia de vixilancia e seguridade nos xulgados de Germán Adrio
Por Redacción |
-
A Audiencia repetirá en xullo o xuízo por estafa que non quedou gravado por problemas técnicos na sala
Por Natalia Puga |
-
O Parlamento aproba unha iniciativa socialista para resolver os problemas tecnolóxicos na Audiencia de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O sistema de gravación de vistas da Audiencia volve dar problemas
Por Anxo Lourido & Natalia Puga |
-
Un xuízo segue no aire por mor dos problemas do sistema de gravación da Audiencia
Por Natalia Puga |
-
O fiscal retira a acusación contra un dos sospeitosos dunha agresión sexual múltiple en Lalín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O sistema de gravación de xuízos da Audiencia xa funciona correctamente, pero hai dous irrecuperables
Por Natalia Puga |
-
Os peritos declaran que a vítima dunha violación múltiple en Lalín presenta tensión postraumática
Por Natalia Puga |
-
Contrata unha casa de madeira e queda coas ganas e sen diñeiro: "Ao final, nin casa nin nada, unha burla"
Por Natalia Puga |