13 familias dun edificio de Barro enfróntanse a pagar 50.000 euros por unha expropiación ilegal do Concello
Por Anxo Lourido
Os trece propietarios das vivendas do edificio de protección autonómica Adelfa en San Antoniño (Barro) nunca se imaxinaron que ocupar aqueles pisos ía supoñer un auténtico suplicio. O polémico inmoble construíuse con mal pé. En 2007, o Concello expropiou a un dos propietarios dos solares do Pazo da Crega o terreo para acometer a construción. Unha decisión que agora afecta gravemente os propietarios.
En 2010, os veciños comezaban a trasladarse ás vivendas sen saber que os seus problemas estaban comezado. Primeiro, a pesar de que se deu a licenza de primeira ocupación, atopáronse coa falta dun centro de transformación. A promotora Vivendas Caselas, que entrara en concurso de acredores, deixara o edificio só con luz de obra. Tras colocar pancartas e iniciar unha campaña de protestas ante o goberno do entón alcalde do Partido Popular José Antonio Landín, lograron que se lles dotase dun centro de transformación.
Pero agora regresan as consecuencias daquela expropiación realizada polo Concello. Os tribunais finalmente deron a razón ao propietario e iso obriga á promotora para abonar 250.000 euros ao veciño expropiado. Como a empresa crebou, o Tribunal estableceu que o Concello é responsable activo subsidiario ou no seu lugar, unha Xunta de Compensación.
Desde o goberno local decidiuse acudir á fórmula da Xunta na que, por lei, figuran o actual alcalde, o nacionalista Xosé Manuel Abraldes como representante da administración actuante, a SAREB, unha entidade que se dedica ao saneamento do sistema financeiro, outras dúas entidades propietarias e tamén as 13 familias que residen no edificio. Sen querer atopáronse formando parte desta Xunta, que o luns 20 deste mes establecía unha derrama de 300.000 euros con 50.000 euros que teñen que pagar os veciños de maneira inmediata. Estes propietarios coñecían o venres 24 a decisión e a obriga de ter que abonar eses 50.000 euros nun prazo máximo de 5 días. Se non o fan, a cifra ira incrementándose nun 10% periodicamente.
"Non vou quitar o pan da miña filla para pagarlle unha débeda do Concello"
Ante esta situación, os veciños non saen do seu asombro. Belén A. e David S., pais dunha nena pequena, atopáronse con este novo problema e buscan solucións do mesmo xeito que o resto dos membros desta comunidade de veciños. "Unha vivenda deste tipo é para persoas con baixos recursos. Non temos por que asumir o pago dunha urbanización que pertence ao Concello", afirman indignados porque o Concello estea a lles trasladar a eles as consecuencias dunha actuación ilegal.
Afirman que levan pagados xa 40.000 euros á construtora porque se foi á quebra. Dos 50.000 euros que agora teñen que afrontar, case 10.000 corresponden ao IVE. Despois terán que facer fronte a outro pago para urbanizar un viario próximo ao inmoble. Nese caso terían que abonar o 13% de 48.000 euros, a parte que lles corresponde como integrantes da Xunta de Compensación, que preside Eugenia Rodríguez do SAREB, o denominado "banco malo".
Os veciños ven absurdo que teñan que pagar eles os gastos para urbanizar o camiño, próximo ao recinto onde se realiza o mercado ambulante de Barro, cando vai ser utilizado todos os veciños do municipio. "É unha débeda inasumible para nós", afirma David. Belén é máis contundente: "Ninguén me paga a miña hipoteca. Que eles arranxen os seus chanchullos. Que nos deixen en paz, que xa pagamos de sobra" e engade "dá igual cinco que cincuenta. Non vou quitar o pan da miña filla para pagarlle unha débeda ao Concello. Eu merquei o piso e asumirei as débedas da comunidade, non do Concello de Barro".
O avogado que defende a estes veciños tentará que, polo menos, o prazo do pago dos 50.000 euros poida demorarse máis aló de cinco días e ten previsto reunirse co alcalde de Barro para reclamar unha solución para evitar ter que presentar unha reclamación xudicial. Namentres, os veciños viven na incerteza, que se deriva dun problema que eles non provocaron e que, malia todo, están a pagar.