Denuncian machismo no Entroido ante a venda de disfraces de "enfermeira sexy" para nenas
Por Redacción
Durante o desfile central do Entroido de Pontevedra, integrantes de Galiza Nova repartiron folletos na praza da Peregrina para alertar entre os mozos sobre as actitudes sexistas e machistas que se observan durante estas festas.
Desde este colectivo denuncian que os disfraces de home son semellantes ao que se pretende imitar, mentres que para a muller e para as nenas prolifera unha versión sexy.
A responsable comarcal de Asemblea de Mulleres, Uxía Couto, sinalou que detectaron á venda disfraces de bombera e de enfermeira sexy para nenas menores de 14 anos. "É unha loucura!" afirma a representante nacionalista.
Ademais denuncian actitudes contra o colectivo LGTBI con situacións de homofobia e transfobia que, baixo o humor, busca rirse daquelas persoas que non seguen "a norma". Tamén alertan da misoxinia que se observa porque, sobre todo, os homes parodian ás mulleres disfrazándose delas.
Por este motivo, reclaman un entroido que sexa respectuoso e sen humillacións, acosos ou desprezos. A agrupación colgou carteis co lema "Non hai careta que esconda o machismo. Ningunha agresión sen resposta!".