Rouban un proxector valorado en 5.000 euros á empresa encargada da iluminación do pregón do Entroido
Por Anxo Lourido
Comezaron con mal pé as celebracións do Entroido. Os integrantes da empresa pontevedresa Voz y Sonido levaron dúas desagradables sorpresas durante a noite deste venres 24 cando se atopaban traballando en poñer todo a punto para o desenvolvemento do acto de inicio do Entroido co pregón a cargo da agrupación PTV con Manuel Cabada.
Ao terminar o acto, cando estaban a recoller, un ladrón aproveitaba o tumulto de xente que se atopaba nese momento na praza da Ferrería para levar un proxector marca Panasonic de 7.000 lúmenes, valorado en 5.000 euros, con todo o cableado.
O ladrón furtábao cando os traballadores de Voz y Sonido estaban a desmontar o material. Só esqueceu o mando a distancia, comentaba Óscar Paredes, propietario da empresa. Sinala que o proxector é de moi alta calidade e moi lixeiro.
Pero as incidencias non terminaron aí. Cando os integrantes de Voz y Sonido trasladábanse ao camión de transporte de material da empresa atopáronse con que un dos cristais estaba roto. Algún ladrón entrara no vehículo para facerse cunha mochila que se deixaron no interior e na que non había nada de valor.
Óscar Paredes sinalaba a PontevedraViva que xa presentaron denuncia ante a Policía Nacional e atópanse á espera de comprobar que cobre o seguro neste roubo. "Fixemos o Entroido", sinalaba o responsable da empresa lamentando a desaparición do material.