Cuntis acondiciona camiños das parroquias
Por Redacción
Durante estes días están a acometerse obras de asfaltado e mellora de camiños de Cuntis a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial. Os camiños atopábanse, segundo o goberno local, cun firme en mal estado de conservación e precisaban dun tratamento mediante a limpeza e pavimentado para que mellore a rede viaria deste concello.
Na parroquia de Estacas está a actuarse no camiño de acceso a Bragaña e o de acceso ao Casal, mentres que na parroquia de Cuntis está a abordarse o acceso a Calvos e a Laxos. Por último, na parroquia de Arcos, tamén se está mellorando o viario de Arcos de Arriba.
Nestes traballos está a procederse tamén á limpeza das beiravías e a mellora da capa de rodaxe.
O orzamento para estas obras sitúase en 121.000 euros. Desde o goberno local consideran que este traballo resultaba fundamental para mellorar a calidade de vida dos veciños destas contornas do municipio.