Sanxenxo propón conectar o polígono de Nantes á rede municipal de saneamento
Por Redacción
Tras as trabas impostas por Augas de Galicia para conectar o polígono de Nantes coa EDAR de Dena, o Concello de Sanxenxo suxeriu a posibilidade de resolver este problema, utilizando para iso a rede municipal de saneamento.
Ao mesmo tempo que pedirá que se revise o informe de Augas de Galicia, o goberno municipal opta por buscar unha alternativa para garantir unha solución definitiva ao saneamento do polígono xa que a recepción do SU 15 é unha cuestión "prioritaria".
Así, o Concello traballará agora na liña de conexión do polígono á rede municipal de saneamento, unha opción para a que xa contan cun estudo técnico e valorado que avala esta posibilidade, xa que sería necesario instalar un bombeo.
O alcalde, Gonzalo Pita, explicou que "non imos consentir novos atrasos". O Concello non quere depender da revisión do mencionado informe xa que, tras o visto e prace en 2005 e a negativa actual, "ou hai unha man negra ou hai unha nula vontade política de liquidar este tema".
Para o alcalde de Sanxenxo non se trata dun problema menor. A EDAR de Dena está deseñada para absorber o caudal dunha poboación de 35.000 habitantes e está saturada cun volume de 15.000 habitantes, algo que achaca a que hai filtracións de augas pluviais que non deberían acabar nesa depuradora.
"A Xunta terá que darlle unha solución a este tema, porque Sanxenxo ten varios chans urbanizables, con toda a súa tramitación rematada, e con previsión de conexión á EDAR de Dena. E nós pedirémoslle á Xunta que cumpra coa súa obriga", sinala o alcalde.
A conexión do saneamento é o principal escollo para concluír as obras do polígono e que a administración local poida proceder á súa recepción.
Relacionadas:
-
Espina y Delfín instalará un colector de saneamento na zona de Mourelos
Por Redacción |
-
Telmo Martín asegura que o polígono de Nantes podería estar en funcionamento en seis meses
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local asegura que "non cabe falar de indemnizacións" pola situación do polígono de Nantes
Por Oskar Viéitez |
-
Gonzalo Pita culpa o PP das trabas ao polígono de Nantes
Por Oskar Viéitez |
-
Augas de Galicia no aprueba conectar o saneamento do polígono industrial de Nantes coa EDAR de Meaño
Por Redacción |
-
Convenio entre Sanxenxo e Meaño para resolver "definitivamente" o saneamento do polígono industrial
Por Redacción |