Multa dun millón de euros e 34 anos de prisión para un grupo plurinacional de narcotraficantes
Por Natalia Puga
Unha multa de pouco máis dun millón de euros e unha pena conxunta a 34 anos de prisión. Esta é a sentenza que acaba de impoñer a Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra a seis acusados de delitos contra a saúde pública e pertenza a grupo criminal por supostamente vender heroína e cocaína nas comarcas do Salnés e Umia durante o ano 2012 e ata maio de 2013.
Neste procedemento, cuxo xuízo se celebrou o pasado mes de novembro de 2016, había unha sétima persoa acusada, o cidadán de orixe romanesa C.E., pero resultou absolto, pois finalmente a Audiencia conclúe que "non existe proba suficiente" para considerarele autor dos feitos que lle imputaba a Fiscalía. De feito, o propio fiscal, Pablo Varela, recoñecera xa no seu informe final do xuízo que "interviría no tráfico de drogas a título de partícipe" e non como autor.
A sentenza impón a pena de maior gravidade a Sterling Detmar Buceta Charry, de orixe estadounidense. Imponlle sete anos de prisión e unha multa de 320.000 euros por un delito contra a saúde pública e un ano por un delito de pertenza a grupo criminal. Á hora de ditar sentenza, tivo en conta as circunstancia atenuante de dilacións indebidas e agravante de reincidencia.
A Francisco Javier Somoza Acha, natural de Vilanova de Arousa, imponlle seis anos de prisión e unha multa de 215.015,59 euros por un delito de tráfico de drogas e un ano por pertenza a grupo criminal e ten en conta a circunstancia atenuante de dilacións indebidas. A condena de Mario Gago Pulleiro, de Barro, é de seis anos e medio, seis e unha multa de 215.015 euros por un delito contra a saúde pública e seis meses por pertenza a grupo criminal, concorrendo a atenuante de dilacións indebidas.
Os acusados Andy Hiseni, de Albania, e Guido Meldoli, de Italia, foron condenados a catro anos e seis meses de prisión e unha multa de 160.000 euros por un delito contra a saúde pública coas circunstancias atenuantes de dilacións indebidas e confesión tardía. O sexto condenado, Rodrigo Silva Vila, da localidade de Portas, cumprirá tres anos e seis meses por un delito contra a saúde pública coas circunstancias atenuantes de dilacións indebidas e a atenuante analóxica de anomalía psíquica.
A Audiencia considera probado que Francisco Javier, Sterling e Mario dedicáronse entre 2012 e 2013 á provisión e comercialización de sustancias estupefacientes, heroína principalmente, aínda que tamén cocaína e a asegurar as cantidades de diñeiro obtidas na devandita actividade. Traballaron en colaboración con terceiras persoas que foron localizadas nin postas a disposición xudicial e baixo a dirección e coordinación dun individuo estranxeiro que non puido ser acusado neste caso.
Francisco Javier, ao que coñecen como 'o gordo', e Sterling, 'o americano', realizaban contactos con diferentes subministradores, tanto das sustancias estupefacientes referidas, como de sustancias de corte para o seu tratamento e destino aos seus consumidores finais. Seguían as indicacións de Lui Volina e Elma Arifi e tamén se encargaron de realizar os cobros das cantidades debidas polos suxeitos aos que fornecían as ilícitas sustancias.
Andy e Guido admitiron admitiron poñerse de acordo para entregar a droga a Francisco Javier e, de feito, foron detidos cando ían atoparse antes de proceder á entrega da sustancia. A sentenza tamén conclúe que Francisco Javier, Sterking e Mario integraban un grupo de narcotráfico cunha estrutura relativamente organizada por un xefe e tiñan un plan conxunto, aínda que fose tácitamente asumido. En caso de Rodrigo, sinala a súa condición de cliente que adquiría a heroína do grupo narcotraficante.
Relacionadas:
-
Menos de 6 anos de prisión para Lui Volina, que recoñece ser narcotraficante e liderar un grupo criminal desde Caldas
Por Anxo Lourido |
-
A Audiencia apraza o xuízo contra un home acusado de dirixir unha banda de narcotraficantes
Por Oskar Viéitez |
-
A Fiscalía pide once anos de prisión para un home acusado de dirixir e coordinar unha banda plurinacional de narcotraficantes
Por Redacción |
-
Xuízo por narcotráfico na Audiencia: "¿Enviaban 24.000 euros para comprar capachos?"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Fiscalía acusa a oito persoas de integrar un grupo criminal que traficaba con drogas na comarca de Arousa
Por Redacción |