O PSOE denuncia caos administrativo no servizo de Patrimonio da provincia
Por Redacción
Demoras de máis de medio ano na tramitación de expedientes que provocan atrasos nos servizos urbanísticos dos diferentes concellos da provincia con riscos de perdas de subvencións e de perigo para bens de interese cultural son as consecuencias da falta de medios nos servizos de Patrimonio dependentes da Xunta de Galicia.
O PSdG-PSOE denunciaba este xoves esta situación a través do seu secretario provincial, Santos Héctor, que anunciou que os grupos municipais socialistas presentarán mocións en todos os concellos para reclamar unha intervención por parte da Xunta de Galicia para que estableza un protocolo de actuación que garanta o servizo de patrimonio cultural e que se atenda con axilidade as solicitudes de autorización emitidas polos concellos da provincia.
Reclaman, entre outros puntos, que se permita con rapidez a limpeza dos 150 metros próximos aos Bens de Interese Cultural, que agora están a tardar ao redor de sete meses.
Enrique Vaqueiro, concelleiro socialista na Lama, sinalaba como algúns veciños teñen que facer fronte a unha parálise de ata dous anos afectando, ademais dos particulares, aos arquitectos técnicos e á actividade económica debido á demora na resposta por parte do servizo de Patrimonio.
Sinalan que este servizo na provincia conta cos mesmos funcionarios que en Ourense, cando Pontevedra triplica o número de habitantes. Con todo, os socialistas carecen do dato do número de funcionarios que traballan na provincia. Só indicaron que teñen constancia de que hai tres arquitectos encargados deste servizo, un número insuficiente, segundo Santos Héctor.