O BNG reclama unha nova biblioteca en Marín ante a falta de espazo da actual
Por Redacción
Unha nova biblioteca ou, no seu defecto, una renovación profunda das actuais instalacións. É a demanda que fai o BNG de Marín ante a falta de espazo que presenta o centro.
A concelleira Lucía Santos presentou unha moción na que solicitan que se encargue un estudo técnico que valore a opción de trasladar a biblioteca municipal a outra localización, para dotala de todos os servizos que require unha instalación deste tipo.
No caso contrario, piden un estudo que analice a posibilidade de facer unha reforma integral do actual edificio.
A biblioteca, destacan os nacionalistas, carece de espazo suficiente para os libros e, en ocasións, houbo que facer expurgas para crear sitio a novos libros.
Ademais, só hai unha sala de lectura, tendo que compartila dende os estudantes de bacharelato ou universidade cos cativos que acoden a ver libros ou persoas que van ler a prensa; e tampouco hai espazo para desenvolver obradoiros de lectura, teatro ou contacontos cos que incentivar a lectura entre os veciños.
O BNG recorda que a biblioteca conta tamén cunha parte importante do legado de Raimundo Vidal Pazos, que debería ter unha sala de exposición e consulta.
A todo iso, o BNG suma a petición para que se estude a posibilidade de trasladar o arquivo municipal e integralo no mesmo edificio no que está a biblioteca.