Unha vilagarciá 'arrepentida' desbarata o secuestro da familia dun avogado de Ourense
Por Natalia Puga
Unha investigación policial iniciada en Vilagarcia de Arousa e na que dous dos protagonistas foron desta localidade permitiu desbaratar os plans dun veciño de Ourense que tiña organizado secuestrar á familia dun avogado, solicitando pola súa liberación a cantidade de 50.000 euros. Os arousáns eran as persoas ás que contratou para executar o rapto.
Segundo informou a Policía Nacional, a investigación iniciouse o 7 de febreiro en Vilagarcía por mor da denuncia presentada por unha muller que relataba que unha persoa contactara con ela e propoñíalle levar a cabo un secuestro en Ourense ofrecéndolle 10.000 euros.
A muller relatou que o autor intelectual do secuestro déralle como anticipo 1.000 euros e explicáballe que o plan era que ela e a súa parella se desprazaran ata Ourense para reter á muller e ao fillo dun home utilizando como arma intimidatoria unha xiringa, para esixirlle 50.000 euros a cambio da súa liberación. O organizador do secuestro estaba seguro de que a vítima tiña ese diñeiro en metálico nunha caixa de seguridade na súa vivenda.
Cando a operación estaba nun proceso avanzado de execución, a 'contratada' arrepentiuse e acudiu á Comisaría. Por mor desta denuncia, axentes da Policía Nacional de Vilagarcía e Ourense iniciaron unha investigación conxunta para comprobar a veracidade do relatado e frustrar o secuestro planificado. Ademais, acordouse outorgarlle á muller denunciante e á súa parella a condición de testemuñas protexidas.
A denuncia confirmouse e os axentes pescudaron que o obxectivo que tiña o organizador do secuestro era un avogado de Ourense que fora socio seu nunha promoción inmobiliaria de Ourense. O negocio foi un fracaso e desde entón o ideólogo responsabilizou ao letrado. De feito, xa no ano 2013 fora detido por ameazas e tentativa de extorsión ao seu antigo socio e tiña en vigor unha orde de afastamento.
Tras once días de investigación policial, produciuse a detención do organizador do secuestro, de 52 anos e natural de Ourense. Este martes foi posto a disposición xudicial e decretouse o seu ingreso en prisión.