Pontevedra únese este 8 de marzo para conmemorar "a loita diaria pola igualdade"
Por Alejandro Espiño
Pontevedra sumouse, como cada ano, á conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora. Pero desta vez faino desde unha perspectiva totalmente diferente. Ademais de utilizar a cultura como elemento reivindicativo en gran parte dos seus actos, o tradicional manifesto en defensa dos dereitos das mulleres foi redactado polos nenos e nenas dos sete institutos que participaron no Club de Debate.
Nun acto celebrado na "oficiosa" Praza 8 de marzo, no cruzamento entre as rúas Daniel de la Sota y Peregrina, foron varios destes alumnos os que procederon á lectura do manifesto. Ante a atenta mirada de medio cento de asistentes, fixeron un rápido repaso histórico ao redor desta data e destacaron varios persoeiros femininos que loitaron pola igualdade de ambos xéneros e pola defensa dos dereitos da muller.
O resto do manifesto, centrado nas reivindicacións actuais, é o seguinte:
Sería moi importante superar os desequilibrios sociais e acadar un grao total de igualdade. Ese debe ser o propósito para un futuro no que a todas as persoas, mulleres e homes, se lles valore do mesmo xeito e se acaben as discriminacións salariais, malia desenvolver os mesmos traballos. Débense superar todo tipo de prexuízos de cara ás mulleres á hora de acceder a un posto de traballo e que certos condicionantes como ser nai dunha vez por todas non sexa un impedimento para conservar ou obter un posto de traballo.
Na actualidade os medios de comunicación continúan a ofrecernos unha visión discriminatoria e sexista da muller. Decote se erguen ao noso arredor exemplos de desigualdade, estereotipos e condutas machistas. Na publicidade emprégase unha imaxe da muller baseada en roles tradicionais e nos medios está moi presente a percepción desta como un obxecto sexual. Asemade as profesionais do ámbito das comunicacións son a miúdo valoradas polo seu físico e non polas súas capacidades.
Existen moitos casos de discriminación na televisión, xornais ou Internet que potencian a difusión de actitudes tremendamente sexistas. Nós somos unha mocidade consciente da gran capacidade de influencia que teñen estes medios. Denunciamos así a importancia de corrixir a visión que ofrecen da muller para que no futuro contribúan a afianzar os principios de igualdade que desexamos para a nosa sociedade.
Na sociedade actual a muller, en principio, desenvolve un papel igual que o do home, porque supostamente, despois de moitos anos de marxinación, a muller e o home, salvando as diferenzas físicas, son iguais en todos os aspectos. Desgraciadamente aínda segue existindo xente que considera as mulleres inferiores aos homes dende unha perspectiva social.
Queremos que se nos escoite. As mulleres son tamén parte da sociedade, ademais non queremos convivir con esta situación de discriminación nin un día máis. Se os namorados non so o están o 14 de febreiro, os dereitos da muller no só deben ser reivindicados o 8 de marzo. Debe ser unha loita diaria pola igualdade.
Non é certo que as desigualdades entre as mulleres e os homes estean borradas. Non é certo que vivamos nun estado de igualdade, cando ás mulleres se lles permite o coidado dos seus fillos e os homes teñen menos facilidade para coller unha baixa por parternidade. Se non poñemos á mesma altura as posibilidades do home e da muller, estamos entón a dar unha imaxe da muller que é de traballar na casa e só na familia. Chegados ao século XXI, non debería haber unha imaxe da nai e do pai, de feito externo (non referida á diferenza entre unha nai e un pai para os fillos), igualitaria?
Se pensamos nas nosas devanceiras e vemos as posibilidades que temos as mulleres hoxe en día, observamos que nun curto espazo de tempo as cousas mudaron moito. Porén, aínda queda moito por facer. Ao noso redor seguimos vendo casos de mulleres que sofren todo tipo de discriminacións, moito máis en países que non nos son tan lonxanos.
Agardamos que nun futuro, que debe ser cada vez máis próximo, co esforzo de todas e todos, consigamos que as mulleres de todo o mundo teñan plenos dereitos e liberdades: acceso á educación, igualdade laboral e salarial, independencia económica, etc. pero, agardamos que, por riba de todo, as persoas sexan consideradas como tales, independentemente do seu sexo.
A conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora contou tamén coa representación no Teatro Principal da obra Mariacastaña, por parte do grupo de teatro afeccionado Avelaíña e completarase mañá coa proposta de Teatro Chévere. As súas actrices representarán escenas cotiás relacionadas coa violencia sobre a muller. Será con pequenas pezas duns 15 minutos nas que o escenario serán escaparates da cidade.