Nove agrupacións mecas e unha de Noalla participarán no Festival de Comparsas 2017 do Grove
Por Redacción
Finalmente serán nove as comparsas locais que participen no festival de 2017. Deste xeito só unha comparsa de fóra do Grove tomará parte no mesmo ao completarse as dez prazas dispoñibles neste concurso.
Son as comparsas: Os de Noalla, Leña Verde, A tropa de Moncha a Caralla, Queimacasas, Outra vaca no millo, Os da Caldeirada, Os arrombados, Os Oneis Bin Band, As + Plus e Os da Ría.
O festival celebrarase o vindeiro sábado 25 de febreiro, a partires das 21.00 horas, nun Pavillón Municipal de Deportes adaptado para tal fin.
O aforo está limitado a 1.100 persoas e a venda de entradas comezará as 10.30 horas da mañá no propio pavillón rematando a mesma antes do comezo do espectáculo ou cando se esgoten as localidades.
As bases do festival establecen que as comparsas participantes, compostas por un mínimo de 15 persoas, actuarán na orde determinada nun sorteo que se celebrará o vindeiro 23 de febreiro ás 20.30 horas na Sala de Xuntas do Concello.