A Policía Local de Marín está a asumir servizos da Nacional "en condicións precarias"
Por Oskar Viéitez
Comisións Obreiras súmase á denuncia do resto dos sindicatos do corpo da Policía Nacional, alertando de que carecen de medios humanos suficientes na Comisaria de Marín para poder desenvolver as súas competencias de seguridade cidadá de forma correcta.
Antonio Millares, coordinador de Policías Locais de Comisións Obreiras de Galicia, explicou que a falta de axentes nacionais, esta obrigando á Policía Local a asumir directamente servizos derivados da Nacional, informando nalgúns casos que a única patrulla Z en servizo está ocupada, ou que directamente non dispoñen de efectivos para atender os requirimentos da poboación.
O reducido persoal de ambos os corpos viña salvándose de forma precaria cunha "estreita colaboración que cubría situacións complicadas", especialmente na quenda de noite.
Na actualidade "só a Policía Local pode garantir os servizos mínimos dunha patrulla as 24 horas", e iso coa realización de horas extras por parte do persoal nos seus días de descanso.
Millares advirte que "a situación agrávase e o desconcerto na coordinación é maior", desde que as chamadas ao 091 centralizáronse na Comisaria de Vigo. Segundo Comisións Obreiras, en ocasións envíase á única patrulla da Policía Nacional a servizos non prioritarios e cun tempo de ocupación alto, por exemplo custodia e traslado de detidos a xulgados ou centros de saúde, "provocando que os seguintes requirimentos cidadáns sexan derivados á Policía Local, sen informarse previamente se dispón de efectivos suficientes".
"A falta de axentes en servizo vén derivando situacións reais de risco", co resultado de policías locais lesionados, advirte Antonio Millares que lembra as carencias na Policía Local de medios técnicos apropiados para asumir algúns servizos, por exemplo, os vehículos da Policía Local de Marín non están adaptados para o traslado de detidos.
Por todo iso, CC.OO. entende que se fai necesario a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade para abordar este problema.
Relacionadas:
-
Marín encarou o camiño do descenso da delincuencia
Por Redacción |
-
Acusan a Interior de "ningunear" ás comisarías de Pontevedra
Por Redacción |
-
As chamadas dos pontevedreses ao 091, centralizadas en Vigo
Por Natalia Puga |
-
O SUP denuncia que a Policía Nacional de Pontevedra saca á rúa un vehículo a "duras penas"
Por Redacción |
-
Mobilización sindical "en defensa dos dereitos dos policías nacionais"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |