Marea presenta alegacións ao proxecto da pasarela peonil entre Marín e Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Marea Pontevedra, Carme Moreira, presentou seis alegacións elaboradas pola súa formación ao proxecto de unión do itinerario peonil entre Marín e Pontevedra.
Marea considera que o proxecto ten unha "escasa planificación ambiental e social".
No proxecto informan de que as obras consisten na execución dun itinerario peonil que conecte Marín e Pontevedra polas estradas PO-12 e PO-11, información que Marea considera que "non é certa, posto que o remate da mesma realízase en Praceres e o paso cara Marín está totalmente cortado por existir un 'Scalextric' sen pasos de peóns que impide cruzar ás persoas cara Marín".
Engaden dende esta formación que, no primeiro tramo, coa execución dunha pasarela peonil de case un quilómetro de lonxitude e dous metros e medio de anchura que estaría apoiada sobre pilotes situados no leito mariño, "unha vez máis, proxectan unha nova ocupación do mar no tramo de costa sen respectar o medio natural".
Lembran que a área de actuación está cualificada como zona C, polo que o marisco non pode ser comercializado directamente ao saír do mar, pero si que pode ser destinado á venda unha vez depurado ou dun xeito directo á industria. "Tomar medidas para remediar o estado da zona C é correcto, o incorrecto é utilizar esa razón para xustificar unha obra que pode alterar o equilibrio mariño e o hábitat dos bancos marisqueiros como recoñece o propio proxecto", di Marea.
Outra das alegacións de Marea sinala que o proxecto "esquece o perigoso da coexistencia de peóns e ciclistas na mesma pasarela de 2,5 metros de ancho, xunto cos centenares de mariscadoras que transitan a mesma cargadas con carros, barreños e ganchas ao seu lugar de traballo. O propio informe recoñece o difícil acceso á zona. No caso de posibles accidentados ou problemas de saúde non existe información que garanta como poderían ser atendidos e trasladados dun xeito rápido a un centro hospitalario".
Por último, e en relación ás varandas a utilizar tal como postula o proxecto, Marea atopa "dúas problemáticas posibles". A primeira por estar en sentido horizontal, converténdose nunha escaleira para os nenos e a segunda pola separación entre os barrotes, superior á regulamentada, que posibilita que os nenos poidan colarse entre eles.
Relacionadas:
-
Irene Montero recolle as queixas laborais das mariscadoras
Por Diego Torrado & Redacción |
-
A APDR pide a retirada do proxecto do paseo peonil e ciclista a Marín
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta acepta transferir o treito urbano da PO-546 pero non asumirá a súa reforma
Por Alejandro Espiño |
-
Lores pedirá a Fomento unha solución para o "scalextric" de Praceres
Por Alejandro Espiño |
-
O proxecto de paseo a Marín non colma as aspiracións dos ciclistas de Pedaladas e Masa Crítica
Por Oskar Viéitez |
-
Costas unirá Pontevedra e Os Praceres no primeiro treito do paseo peonil a Marín
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno local apoia a conversión en paseo ciclista dun carril da autovía de Marín
Por Oskar Viéitez |