Detectan dous vehículos de venda ambulante sen autorización repartindo peixe en Poio
Por Natalia Puga
A Policía Local de Poio detectou a semana pasada a presenza de dous vehículos sen autorización para a venda de produtos perecedoiros que repartían peixe facendo unha actividade de venda ambulante. A pesares de que non tiñan permiso para esta actividade en Poio, os axentes constataron que o transporte destes productos si se axustaba á lexislación de transportes por estrada.
Estes dous casos detectounos a Policía Local no marco da campaña de vixilancia e control de camións e furgonetas realizado entre os días 13 e 19 de febreiro en colaboración coa Dirección General de Tráfico (DGT).
O 98,6 por cento dos vehículos inspeccionados circulaban de forma segura
No marco da campaña os axentes controlaron un total de 70 vehículos destinados ao transporte de mercadorías varias, tanto furgonetas como camións e detectaron que había dous que non levaban ao día as súas inspeccións técnicas do vehículo (ITV). Ambos os dous foron denunciados. Á vista destes datos, a Policía Local constata que o 98,6 por cento dos vehículos inspeccionados circulaban de forma segura.
No trascurso do dispositivo, os axentes constataron "unha moi boa disposición" dos condutores ás inspeccións. Comunicáronlles o esencial da seguridade para evitar accidentes e a importancia da prevención, pois "é mellor perder un minuto na colocación da carga e así evitar un posible accidente ou saída de vía cos consiguientes prexuízos para todos".
Ademais, os axentes insistiron aos condutores que deben solicitar as autorizacións correspondentes para realizar a venda ambulante no municipio, xa que a maioría dos transportistas son autónomos e si algúns deles realizan a venda sen autorización, están prexudicando aos demáis vendedores.