As carencias detectadas nos barrios monopolizan o pleno municipal
Por Alejandro Espiño
Ata oito das doce mocións presentadas ao pleno municipal de febreiro facían relación a carencias detectadas en diferentes barrios da cidade. Así, esta cuestión monopolizou o debate nunha sesión que durou máis de catro horas e na que, na maior parte dos asuntos, houbo unanimidade de toda a corporación.
Así, o PP viu aprobada a moción na que demandaba que se axilizasen os trámites para a instalación dun parque infantil en Médico Ballina, a iniciativa para resolver as deficiencias que se rexistran na Seca ou a proposta para actuar de urxencia no paseo Valle Inclán, que oculta o río Gafos en Campolongo.
Unánime foi tamén o apoio á moción do PSdeG-PSOE para que o goberno municipal acometa a rehabilitación integral da rúa da Santiña ou a iniciativa de Marea para instar á Xunta a asinar un novo convenio con Gas Natural Fenosa e o Concello para soterrar as liñas de alta tensión en Monte Porreiro.
Neste punto, Luís Bará lembrou que, con respecto ao convenio orixinal, o Concello é o único que cumpriu a súa parte, ao investir case 500.000 euros para executar a obra civil. Os socialistas lamentaron que o PP trate de "levarse ben" coas eléctricas e os populares responsabilizaron ao goberno municipal deste atraso ao non concorrer a unhas axudas.
A corporación aprobou tamén, neste caso co rexeitamento do BNG, o reforzo solicitado polos socialistas para os servizos sociais en Monte Porreiro; mentres que foi rexeitada, por BNG, PSdeG-PSOE e Marea, a moción presentada polo PP para que o Concello resolvese os problemas do pavillón de Salcedo, ou ben ceda a súa xestión ao club que utiliza as instalacións.
AXUDAS DO TEMPORAL
Un dos debates máis longos xerouno a moción presentada polo BNG para instar á Xunta a que sancione ás compañías eléctricas polo deficiente servizo ofrecido aos galegos tras os temporais e que obrigue a facer unha auditoria do estado das instalacións de subministración que hai en toda a comunidade.
Foi aprobada por unanimidade, pero o PP tentou sen éxito que se incluíse unha emenda coa que querían esixir responsabilidades tamén á Deputación pola súa xestión das incidencias que o mal tempo provocou nas vías provinciais. Denunciaron que non se puxo en marcha ningún operativo especial e que o parque de maquinaria estivo "paralizado".
A este respecto, Mosquera asegurou que sete das nove brigadas estiveron a traballar atendendo estas emerxencias e os socialistas acusaron a Moreira de actuar como "oficinista" de Alfonso Rueda, titular da consellería que ten responsabilidade na xestión das emerxencias e quen ten que articular as axudas para paliar os efectos do temporal.