Aumentan os roubos en vehículos que quedan abertos e con obxectos á vista
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra detectou un aumento do número de denuncias pola subtracción de obxectos de valor do interior de vehículos que os propietarios deixan abertos e con elementos á vista. Nos casos rexistrados nos últimos tempos os ladróns levaron obxectos electrónicos como tabletas e móbiles, ferramentas e útiles de traballo no caso das furgonetas e mesmo cantidades de diñeiro importantes. Ademais, causaron importantes danos tanto nas fechaduras como nos portelos.
Tras constatar esta nova realidade delituosa, desde a Policía Nacional decidiron lanzar unha serie de consellos e recomendacións para evitar a proliferación destes roubos, dirixidos tanto a vehículos de traballo como a particulares nos seus turismos. A todos recoméndanlles que cando procedan a estacionar o seu vehículo tanto de día como de noite poñan especial coidado en non deixar obxectos ou pezas de vestir á vista que poidan dar lugar a un posible roubo con forza.
No caso dos condutores de furgonetas, furgóns de repartición e camións, as recomendacións policiais van enfocadas a evitar os furtos ao descoido, pois é habitual que os traballadores baixen correndo para levar a cabo a repartición e os ladróns aproveiten eses momentos para subtraer pertenzas do traballador como teléfonos móbiles ou carteiras e tamén os paquetes que levan, algúns de gran valor. Estas subtraccións causan un gran prexuízo para o afectado, polo que, na medida do posible, e a pesar das présas, recomendan facer un esforzo para pechar sempre os vehículos de repartición con chave.
Os consellos tamén se refiren a incidentes en garaxes comunitarios, de modo que se recomenda extremar as precaucións, non deixar obxectos de valor á vista e, na medida do posible, retirar o GPS, tanto o propio aparello como as ventosas ás que se adhiren os mesmos e os dispositivos adaptados para móbiles fáciles de detectar para os ladróns.
A Comisaría insiste en que, ante calquera sospeita de delito, é preferible chamar á Policía aínda a risco de que sexa unha falsa alarma. No caso de que sentan ruídos estraños no garaxe comunitario, detéctese a presenza de merodeadores no portal ou se atope calquera outro indicio fóra do normal, débese chamar ao 091.