Polémico xuízo por un 'leira park' en Lapamán: obras irregulares, mentiras na sala e disputas familiares
Por Natalia Puga
Francisco O.R. sentou este luns no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra por realizar pequenas obras presuntamente irregulares nunha vivenda entre Marín e Bueu no ano 2012 e converter a súa parcela en 'leira park' no ano 2015 para os usuarios da praia de Lapamán a cambio dunha tarifa de dous euros -anunciábao con carteis-.
Por estes feitos, o fiscal considera que é autor dun delito contra a ordenación do territorio e o urbanismo e outro de desobediencia grave á autoridade e pide por eles que sexa condenado a dous anos de prisión e multa de 36 meses a 9 euros diarios.
A que se presentaba como unha vista oral sobre cuestións técnicas e urbanísticas acabou centrada na difícil situación persoal do procesado e co fiscal apuntando á súa esposa, unha das súas fillas e o seu ex xenro como posibles autores dun delito de falso testemuño por mentir na sala con intención de beneficiar a Francisco. Pide á xuíza, Belén Rubido de la Torre, que, se o condena, deduza testemuño polas declaracións da familia.
O xuízo céntrase nunha casa no lugar de Ardán, a poucos metros da praia de Lapamán, que empezou a construírse no ano 1992 cunha licenza que posteriormente foi anulada. Sobre a casa chegáronse a ditar xa tres sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e unha do Tribunal Supremo e hai pendente unha orde de demolición por incumprimento da legalidade urbanística, pero a vista oral non viraba sobre esa posible ilegalidade nin sobre os feitos do ano 1992 e, de feito, o fiscal do caso, Alejandro Tuero, quixo aclarar que nada ten que ver o ocorrido hai 25 anos, senón que os feitos que motivan o xuízo ocorreron en 2012 e 2015.
O fiscal acusa a Francisco O.R. de realizar pequenas obras a pesar de que estaba nun terreo non contaban con autorización urbanística da Xunta nin licenza municipal e de montar un 'leira park' a propósito de que non contaba coa licenza municipal necesaria para iso. Ademais, atribúelle que actuaba sabendo que o terreo estaba clasificado como chan rústico de especial protección de costas e que por iso, tanto as obras como a actividade de aparcadoiro, constituían un uso prohibido nesa clase de chan e non son autorizables.
Como defensa, o procesado escúdase en que el non era o propietario nin o promotor da vivenda, senón que todo pertencía á empresa Construciones Otero Regueira, da que a súa esposa era administradora única. Durante a súa declaración si recoñeceu que tiña participacións na empresa e que el realizaba tarefas para limpar a parcela ou recados que lle encargaba a súa muller, pero ningunha xestión máis e, desde logo, ningunha con responsabilidade nin que supuxese a toma de decisións.
Respecto diso, cabe apuntar que o avogado centra a súa estratexia de defensa en que o seu defendido non é imputable por estes feitos porque non pode ser autor dun delito vinculado a unha propiedade sobre a que non ten capacidade de acción. Ademais, asegurou que non existe nin un só documento no procedemento xudicial que acredite que Francisco fose dono ou promotor da casa e, con todo, tanto a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) como a Policía Local e a administración de Xustiza dérono por feito desde o principio. El pide a nulidade do proceso por esta causa.
O fiscal recoñece que a administradora é a súa esposa, Elisa R.P., pero ela "no desempeñaba materialmente las funciones propias de este cargo", senón que "era la tapadera para la actividad que hacía su marido". Respecto diso, a muller, que asegurou que leva máis dun ano en proceso de separación de Francisco, indicou que a empresa a levaban ela e un asesor do que non achegou a identidade porque "hoy no vengo autorizada a dar ese nombre" e tamén que ela descoñecía todo o papelorio que se realizaba porque "yo soy ama de casa, por eso le pagaba a ese señor".
Pola sala tamén pasou unha das tres fillas do procesado, Patricia O.R., que recoñeceu que leva tres anos sen falarse cos seus pais, e o seu ex marido, José Luis. Ambos rexeitaron que na casa se fixesen obras en 2012 tales como un tabique ou instalar xanelas e que a leira se utilizase como aparcadoiro, a pesar de que ata catro técnicos da APLU que declararon aseguraron que si e documentárono fotográficamente.
A esposa tamén gañou protagonismo durante o xuízo cun testemuño no que rompeu a chorar á hora de asegurar que o matrimonio está na ruína por mor dos procesos xudiciais relacionados coas dúas fillas, que una das súas fillas ten que axudarlles economicamente e aínda así sobreviven "comiendo pescado, él como el pescado y yo las espinas, y arroz blanco".
Ademais, cando a xuíza chamou a atención porque 10 persoas alleas ao proceso entraron como público na sala ocupando todos os bancos que deberían ir usando as testemuñas tras declarar, Elisa R.P. pediulles que quedasen porque "yo soy la que mando en Lapamán y tengo derechos".