O programa de excursións para a veciñanza de Ponte Caldelas terá novidades
Por Redacción
O programa de excursións do Concello de Ponte Caldelas darase a coñecer o próximo mes de marzo coa publicación do regulamento municipal no que se establecerán as bases para participar nas seis saídas previstas ao longo do ano. O programa chegará con importantes novidades, sen repetir ningunha das viaxes e incluíndo cando menos unha fóra de Galicia e cunha noite de aloxamento.
O goberno local, integrado polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, está a pechar os últimos detalles recollendo gran parte das suxestións realizadas polos participantes do ano pasado, no que case 1.000 persoas, a razón de 150 por saída, gozaron desta iniciativa de dinamización social.
O Concello manterá o prezo público limitado ao custo da comida en ruta e asumirá o resto dos gastos. Non obstante, esixirá o depósito previo desta cantidade, que só se devolverá en casos debidamente xustificados e comunicados con suficiente antelación, para que a praza poida ser cuberta por outra persoa en caso de baixa.
O regulamento incluirá a apertura dun período previo de inscrición para cada unha das excursións. O calendario, que se desenvolverá entre os meses de maio e outubro, está case pechado en todos os seus detalles.
As novidades chegarán tamén no deseño das propias excursións, pois só se anticipa que unha delas, probablemente a última, será á localidade portuguesa de Vila Verde, coa que o Concello de Ponte Caldelas está a iniciar trámites para establecer unha irmandade oficial.
Outra delas terá un desprazamento máis longo, tamén fóra de Galicia, e abranguerá unha fin de semana completa.
A natureza, a cultura e o lecer volverán ser os compoñentes principais dun programa pensado para todas as idades.
O ano pasado, o programa consistiu en viaxes que permitiron achegarse a lugares tan senlleiros da nosa paisaxe natural e urbana como Allariz-Ribadavia, Camariñas, Pedrafita do Cebreiro, Lugo, Viveiro, a praia das Catedrais en Ribadeo e os canóns do río Sil.