Celadoras do CHOP denunciarán o Sergas por non cubrir oito vacantes seguindo as listaxes
Por Anxo Lourido
Oito celadoras do Complexo Hospitalario de Pontevedra atópanse en pé de guerra. Non entenden que pasou para que os postos aos que aspiraban, oito vacantes de longa duración por xubilación, se lles escapen das mans cando, din, contaban con todos os dereitos para cubrilos.
O 27 de xaneiro estaba previsto que se cubrisen esas vacantes por parte da xerencia dos hospitais de Pontevedra atendendo á lista de contratación vixente naquel momento, tal e como se acordou entre recursos humanos e os representantes sindicais xa no mes de outubro de 2016. Pero os postos non chegaron a cubrirse. O 7 de febreiro, a subdirectora de Recursos Humanos comunicáballes que eses postos cubriríanse cunha nova lista, prexudicando desta forma a varias destas celadoras.
"Non é unha rabecha. Son os nosos dereitos. As vacantes eran nosas e roubáronnolas"
Rocío, unha das afectadas, sinala que perder a vacante significa, entre outras cousas, perder o seu dereito a vacacións, a conciliación familiar, a ter días de libranza ou aos tres días para atender a un familiar no caso de que se poña enfermo. Denuncia que, co actual contrato, enlaza garda tras garda pasando ata 20 días seguidos sen librar, traballando domingos e se colle unha baixa por enfermidade, penalízaselle para próximas contratacións.
Sinalan que as vacantes se cubriron en todos os centros hospitalarios públicos de Galicia agás na categoría de celadores en Pontevedra. Nos hospitais pontevedreses non se cubriron aínda. Indican que o xerente José Manuel González recoñece que se produciu un erro administrativo pero non lles ofrece unha solución.
Ante esta situación, as oito afectadas teñen previsto presentar un escrito este luns 20 reclamando esas vacantes e, en caso de obter unha resposta insatisfactoria, presentarán un recurso contencioso, de alzada e, como última opción, acudirán aos tribunais de xustiza. "Non é unha rabecha. Son os nosos dereitos. As vacantes eran nosas e roubáronnolas", apunta unha das afectadas. "Hai xente que non vai volver a traballar nun ano porque baixa vinte postos na nova lista", afirman.
Afirman que, ademais, coas novas previsións do Sergas, as oito vacantes que ata agora estaba previsto que foran cubertas por celadoras repartiranse entre só catro celadores e catro traballadores de cociña, que accederían a través de promoción interna. "veñen de cociña quitándolle postos de traballo a celadores", indica outra das afectadas. O portavoz de Traballadores da Sanidade Pública (TSP), Cándido Sartier, entende que, tras esta operación, están a darse os pasos para privatizar o servizo de cociña do Hospital Montecelo que suma máis de 50 postos de traballo.
Sartier insiste en que este conflito débese á "incompetencia palmaria dos xefes de servizo de Recursos Humanos". Engade que desde que en maio de 2015 deixou o cargo de director de Recursos Humanos da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI), José Ignacio Lema Piñeiro, para ocupar un posto na Consellería de Economía e Facenda rexistráronse dúas baixas neste posto directivo, María Ponte e Ana Comesaña. Actualmente a máxima responsable é a subdirectora de Recursos Humanos que, segundo Sartier, "non ten nin idea da xestión. Son centos de expedientes bloqueados. O prexuízo é terrible".