Cerdedo-Cotobade repara os danos causados polo temporal
Por Redacción
Unha vez pasado o temporal, o goberno municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade está a levar a cabo as reparacións daqueles danos que se rexistraron con motivo das fortes choivas e o vento durante os primeiros días deste mes de febreiro.
O presidente Jorge Cubela supervisou os traballos ao entender que se trata dunha prioridade manter en condicións as infraestruturas e as pistas do municipio.
Durante estes últimos días levouse a cabo o arranxo da Ponte de Barazal, en Aguasantas. Esta estrutura sufrira un desprendemento de pedras e cascotes debido ao mal tempo. Os operarios apontoaron a infraestrutura que forma parte da estrada entre Paciños e Mataporcos. Para esta obra destináronse 96.000 euros co pintado das liñas laterais.
Os operarios municipais tamén construíron beirarrúas e cunetas en Frade, lugar situado na parroquia de Loureiro. Trátase dunha petición veciñal na que se reclamaba a canalización das augas para evitar inundacións da calzada durante a época de precipitacións.
Quedan pendentes as obras de construción da ligazón de Calvelo en Tenorio, uns traballos que se inclúen na mellora da estrada N-541. Quérese crear un acceso directo aos domicilios e tamén un aparcadoiro, ademais dunha parada de autobús. Ao mesmo tempo está previsto construír un muro lateral que evite desprendementos sobre as casas e sobre a calzada.