Carmela Silva lembra que as axudas polos danos dos temporais son competencia da Xunta
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, instou á Xunta de Galicia "que é a que ten as competencias nesta materia" a que coordine un protocolo de resposta que estableza os mecanismos de atención e reclamación ante calquera situación de emerxencia.
Ademais a presidenta provincial pediu ao executivo galego que habilite os fondos suficientes para dar resposta aos danos causados polos temporais nos espazos e servizos públicos "e que estes sexan repartidos con criterios obxectivos".
Carmela Silva fixo estas declaracións ao ser preguntada polos xornalistas sobre as últimas declaracións do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, nas que volveu a solicitar a colaboración da Deputación de Pontevedra para atender a "situación excepcional" causada pola forza destrutiva dos últimos temporais de vento e choiva.
Cores Tourís lembrou que cando o Partido Popular estaba a gobernar na Deputación de Pontevedra contaba cunha liña de axudas para emerxencias a explotacións agrarias e invernadoiros polo que demandou á presidenta da institución que recupere esta iniciativa e que colabore na axuda aos damnificados.
"É moi propio do Partido Popular poñer o ventilador e tratar que outras administracións cubran as competencias da Xunta de Galicia", respondeu Carmela Silva. "Iso terminou na Deputación de Pontevedra, nós cumprimos con todas as nosas competencias", engadiu.
Silva lembrou que o actual vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, cando gobernaba o bipartito reclamou á Xunta "con moi mal ton" que fixese fronte aos danos causados polos temporais, polo que a presidenta da Deputación animouno a que "igual que facía entón que esixa agora".
Finalmente Carmela Silva engadiu que a Xunta tamén debe poñer en marcha unha campaña de retirada de uralitas de fibrocemento, un material tóxico prohibido na Unión Europea por conter fibra de amianto potencialmente cancerígeno. Estes deben ser retirados por empresas especializadas e instou á Xunta a facerse cargo desta medida.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade solicitará á Deputación axudas polos danos dos temporais
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación contesta á Xunta polos temporais: "isto é o mundo ó revés"
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta pide á Deputación que habilite axudas por emerxencias a explotacións agrarias e invernadoiros
Por Oskar Viéitez |