Unha redada de maio de 2016 no Vao, a xuízo con tres acusados dunha mesma familia
Por Natalia Puga
Tres persoas dunha mesma familia sentarán o vindeiro martes 21 de febreiro no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia acusadas de venda de cocaína e heroína no poboado do Vao. Trátase de N.C.G.; o seu fillo, JL.C.C.; e o seu sobriño J.C.C. e o seu procesamento e xuízo é resultado dunha redada desenvolvida pola Garda Civil neste asentamento chabolista o pasado 5 de maio de 2016.
O fiscal solicita catro anos de prisión e unha multa de 10.000 euros para N.C.G. e JL.C.C. por un delito contra a saúde pública, e dous anos e 4.000 euros de multa para o J.C.C., ao que considera cómplice dos dous primeiros.
A investigación policial que levou aos tres acusados ao banco iniciouse en marzo de 2016 centrándose nunha vivenda e un galpón do Vao de Arriba e permitiu descubrir que N.C.G. e o seu fillo vendían cocaína e heroína a terceiras persoas no galpón, axudándolles nese labor o sobriño da primeira, que vixiaba no principio do canellón polo que se accede á vivenda e galpón.
Durante o tempo que durou a vixilancia policial, comprobaron que a muller tiña chaves de galpón e que o seu sobriño acudiu en distintas ocasións para darlles información e acompañar algún posible comprador.
Durante o rexistro realizado o 5 de maio nai e fillo estaban na vivenda e, nun determinado momento, ela tirou unhas chaves detrás dun sofá, co fin de ocultalas, pero foron recuperadas polos gardas civís e comprobaron que eran as do galpón anexo.
Nesta construción localizaron unha báscula de precisión con restos de substancia; dous coitelos con restos; recortes de bolsas; papel de aluminio con restos queimados; un recipiente de plástico cun líquido; un caderno con anotacións de datas e diñeiro (entre outras, "última entrega de 150 euros"); 242,63 euros; 11,206 gramos de cocaína e 91,249 gramos de heroína. Esta droga alcanzaría un valor no mercado de 627,47 e 4.288,38 euros.