Concentración este domingo ante a Subdelegación para pedir emprego e salarios dignos
Por Anxo Lourido
Os sindicatos CC.OO. e UGT convocan unha nova concentración cidadá para denunciar a perda de poder adquisitivo ante a precariedade dos salarios derivada, segundo apuntan os seus dirixentes comarcais José Luis García Pedrosa e Ramón Vidal, da última reforma laboral.
Por este motivo, este domingo 19 ás 12.00 horas concentraranse ante o edificio da Subdelegación do Goberno na Praza de España en Pontevedra reclamando emprego e salarios dignos, ademais da paralización do encarecemento da vida e da precariedade.
Afirman que, cada vez, as empresas son máis pequenas e contan con menos estabilidade por parte dos traballadores. Por iso insisten en que o único que queda é saír á rúa para lembrar que se poden desenvolver outras políticas laborais, apuntou Ramón Vidal.
García Pedrosa tamén insistiu na necesidade de que se retome o Índice de Prezos de Consumo (IPC) como valor para establecer as subidas salariais, despois da etapa de crise.
Ambos os dirixentes sindicais fixeron un chamamento á cidadanía para que participen neste acto de protesta.