O informe dos Bombeiros limita á cuberta as obras para evitar a derruba da casa de Marcón
Por Alejandro Espiño
Cinco días despois da intervención de urxencia que os Bombeiros de Pontevedra tiveron que realizar nunha casa de Marcón para evitar que se esborrallase sobre a estrada, fíxose público o informe sobre o estado do inmoble. A inspección conclúe que os principais danos concéntranse na súa cuberta.
En concreto, o informe dos Bombeiros asegura que esta vivenda, situada no lugar de Pazos, deberá consolidar ou demoler os elementos inestables que hai na súa cuberta e que, segundo alertan, corren risco de desprenderse.
Mentres tanto, para garantir a seguridade cidadá, a beirarrúa situada xunto á fachada da vivenda deberá manterse cortada ao tráfico peonil, establecendo un perímetro de seguridade que impida o acceso ás súas inmediacións.
Tras a inspección visual que os Bombeiros realizaron o sábado, o día que se detectou que a bufarda da vivenda ameazaba con colapsar, o informe apunta que o inmoble presenta un estado de precariedade xeneralizada.
Mentres que a fachada presenta "certa estabilidade", a cuberta é "inestable" ao sufrir un colapso parcial e un "esgotamento" material. O casetón con cuberta a tres augas é o elemento que representa un maior risco de caída porque, entre outras cuestións, está mal fixada e atópase bombeada fóra do seu sitio orixinal.
Tal e como recolle a lexislación, os seus propietarios terán un prazo de cinco días -a contar desde o día que se lles notifique a orde do servizo de disciplina urbanística- para facer as obras necesarias para resolver as deficiencias detectadas.