Localizan unha vertedura de fecais ao río Lérez
Por Oskar Viéitez
O colectivo Anova Terra localizou unha vertedura de augas fecais ao río Lérez situada en Cutián, no concello de Cerdedo-Cotobade.
"Vai directamente ao río Lérez, non sabemos se se debe a un deficiente funcionamento do sistema de depuración ou á inutilidade das instalacións para o cumprimento do seu labor", sinalan desde Anova Terra.
Para este colectivo estas verteduras poñen en evidencia a "falta de coherencia" das políticas da Xunta e do Concello de Cerdedo-Cotobade en materia de promoción turística xa que "se dedican a poñer carteis nas estradas mentres que o patrimonio arqueolóxico que anuncian atópase nunha situación de abandono".
Na súa crítica pola "incoherencia do gasto público" Anova Terra sinala á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra porque "ningunha administración elabora un plan integral de coidado e mantemento do patrimonio arqueolóxico máis disperso e ameazado como é o caso dos petróglifos".