La Moda Ideal rexorde en Manuel Quiroga conservando o aspecto do local que ardeu na Ferrería
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Un ano e 48 días despois do incendio nos soportais da Ferrería, La Moda Ideal abrirá as súas portas en Manuel Quiroga conservando a esencia do histórico establecemento que desaparecía o 1 de febreiro de 2016 como consecuencia dun fatal incendio nocturno.
A súa propietaria, Mayte Ramírez, mostra con satisfacción os traballos que se están acometendo no novo local situado en metade da rúa que leva ao Liceo Casino, a apenas 200 metros do edificio que se consumía polo lume aquela noite. Decidiu emprender esta nova etapa porque se foron os inquilinos deste baixo, do que é propietaria. "Si esto no fuera mío, no volvía", asegura.
A idea de Mayte é inaugurar o comercio o 20 de marzo. Mentres explica o proxecto, dous obreiros continúan traballando na posta a punto do establecemento. Aún queda mucho, recoñece a empresaria. A idea é recrear nunha menor superficie o comercio orixinal. Haberá novidades como un bonito arco de pedra ao fondo, pero os clientes non estrañarán os andeis, os mostradores cheos de teas e o chan, todo elaborado con madeira.
Cando se cumpriu o aniversario, a muller decidiu mirar cara a adiante e esquecerse de todo o que perdeu aquela noite. Empeñouse en que o día 1 de febreiro ía recibir teas e ese mesmo día xa estaba a dobralas, marcándoas e empapelándoas. "Dije empiezo y empecé", afirma cun sorriso esta muller que recorda con horror o incendio. "Prefiero no pensar. Borrón y cuenta nueva. Llevaba allí 32 años, pero mi tío abuelo llevaba toda la vida", indica Mayte Ramírez ao referirse a un negocio que comezou en 1896. De pequena correteaba por aquel comercio e mesmo viviu no segundo piso do edificio da Ferrería ata que cumpriu os 15 anos.
As lapas levaron moitos momentos da súa vida. Moitísimos recordos, media vida alí queimada. "Y como era una cosa que no te podías esperar, allí quedó todo", sinala. Pero La Moda Ideal comeza agora unha nova etapa e os clientes xa se atopan expectantes dirixíndose a Mayte para reclamarlle a apertura da tenda porque necesitan teas para vodas, para comuñóns e para outras celebracións. "A ver se abres", dinlle, "esperámoste".
A propietaria afirma sentirse con moita ilusión e tamén cun pouco de medo ao afrontar este reto. No outro establecemento contaba cun empregado. Agora será ela soa quen faga fronte a todo o traballo, un traballo que recuperará o sabor do tradicional.
Relacionadas:
-
Estudan rehabilitar parte do inmoble que ardeu hai dous anos na Ferrería
Por Alejandro Espiño |
-
Un ano despois, chega a limpeza á cicatriz da Ferrería
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- "Me han destrozado la vida por tardar tanto"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
VÍDEO.- Así foi o incendio da Ferrería
Por Mónica Patxot |
-
Maite Ramírez Baltuille: "Empezarei noutro lado. A Moda Ideal vai seguir"
Por Marisa Ciordia |
-
Incendio espectacular nos soportais da Ferrería
Por Mónica Patxot & Alejandro Espiño & Anxo Lourido | Creada e actualizada