A Deputación ficha dous enxeñeiros da Xunta para dirixir o departamento de mobilidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra fichou dous enxeñeiros da Xunta de Galicia para dirixir o servizo de Mobilidade. Trátase de Francisco Alonso González e Daniel Romay.
Desde o inicio do mandato o BNG explicou a súa intención de crear un equipo técnico ante a "falta de persoal cualificado" na dirección e xestión da rede de infraestruturas. Este déficit foi unha das queixas máis reiteradas por parte do vicepresidente César Mosquera e o deputado Uxío Benítez, que se empeñou en corrixir "un funcionamento do século pasado, pouco profesionalizado".
As últimas incorporacións significan ademais un desdobramento no servizo de Mobilidade, no que traballan 140 persoas, que se dividirá en dous novos departamentos: Planificación e Conservación.
Daniel Romay é o novo director de Mobilidade e sobre el recaerá a responsabilidade da conservación e a xestión das infraestruturas provinciais. Francisco Alonso é o xefe do servizo de Mobilidade e ocuparase da planificación e dos proxectos.
Ademais está en marcha unha convocatoria de oposicións para cubrir as prazas de tres enxeñeiros.
- Francisco Alonso atesoura unha dilatada experiencia na administración pública. É enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos pola Escola Superior de Madrid, na promoción do ano 1988. Ademais de pasar pola empresa privada incorporouse como funcionario da Xunta de Galicia ocupando diversos cargos en Augas de Galicia, o máis recente era a xefatura territorial deste organismo. Incorpórase a través dunha comisión de servizos á Deputación.
- Daniel Romay tamén é enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos pola Universidade da Coruña na promoción do ano 2001. Levaba traballando na Axencia Galega de Infraestruturas na delegación territorial de Pontevedra desde o ano 2014.