A Xunta acometerá no verán a mellora do firme das estradas na comarca
Por Oskar Viéitez
A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, publica este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de rehabilitación de firme en treitos localizados de estradas na provincia de Pontevedra, coa fin de incrementar a seguridade viaria.
Esta actuación ten un prazo de execución de tres meses e contan cun orzamento de case 850.000 euros.
As obras principais serán na PO-531, na que se investirán 630.000 euros para botar una nova capa rodadura dende a glorieta de acceso ao polígono do Vao ata as inmediacións da ITV de Curro. Tamén se actuará entre o enlace de Curro e San Simón (Vilanova de Arousa).
Outros 140.000 euros será para reparacións puntuais na estrada PO-226, que cruza os concellos de Cuntis, Moraña e Barro; e este paquete de obras completarase con arranxos na PO-308 entre Poio e Sanxenxo e co repintado da vía rápida entre Sanxenxo e A Lanzada, a variante de Vilagarcía, na PO-225 en San Caetano (Alba) e nas estradas PO-309 e PO-310 en Lourido e Campañó (Poio).
Estes traballos que se licitan iniciaranse este verán e teñen como obxectivo a mellora destas vías, para acadar unha condución máis cómoda e segura. Así mesmo, estas tarefas permiten prolongar a vida útil do pavimento das estradas.
Como son obras de rehabilitación de firme, non son necesarias expropiacións nin se afecta a ningún servizo que non sexa a propia circulación do tráfico, que estará debidamente sinalizado.