Alfonso Rueda, presidente en funcións da Xunta tras a paternidade de Feijóo
Por Redacción
Un pontevedrés volverá situarse á fronte da Xunta de Galicia, aínda que será de forma temporal. Alfonso Rueda asumirá as competencias do presidente galego despois de que o titular do executivo, Alberto Núñez Feijóo, fose pai este mércores.
O Diario Oficial de Galicia publicará mañá o decreto de delegación de competencias polo que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, poñerase á fronte do goberno ata que Núñez Feijóo retome a súa actividade normal.
Fontes próximas ao presidente da Xunta aseguraron que Alberto Núñez Feijóo renunciará ao permiso de paternidade que recolle a lei, pero si decidiu ausentarse do seu posto durante un tempo aínda non determinado.
Ademais, pretende levar unha axenda menos apertada cando regrese ao traballo.
O fillo de Alberto Núñez Feijóo e Eva Cárdenas, executiva de Inditex, chamarase Alberto e naceu na maternidade HM Belén da Coruña, onde a nai ingresou pasadas as oito da madrugada para dar a luz.
Moi felices pola chegada de Alberto. O neno e a nai están ben. Eu, orgulloso dela. Grazas polo interese, afecto e respecto. ANF
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) 15 de febrero de 2017
O presidente da Xunta, nas súas redes sociais, publicou a primeira foto do seu fillo -onde só se ve a súa man- e explicou que tanto o neno como a nai "están ben" e que os dous pais "están moi felices".