Luis Rocafort manterá en verán os seus dous carrís e terá dobre sentido
Por Redacción
As obras chegan a Luís Rocafort, un dos principais viarios de Sanxenxo. A partir do 1 de marzo, a empresa adxudicataria de reforma iniciará os traballos de rehabilitación. E en relación a estes traballos, o Concello garantiu que a rúa manterá no verán os seus dous carrís de circulación e terá dobre sentido.
O goberno municipal sae así ao paso da denuncia do Partido Popular, que aseguraba que a rúa, un dos principais accesos a Silgar, só tería un único carril durante os meses estivais, o que complicaría o tráfico no municipio.
Estas obras inhabilitarán un dos carrís desde o 1 de marzo, para que a empresa poida traballar na humanización e reforma da marxe esquerda da estrada.
Os traballos paralizaranse totalmente desde o 15 de xuño ata o 10 de setembro para evitar que interfiran no tráfico rodado, intenso durante os meses de verán.
Durante esta época estival os usuarios desta estrada poderán xa gozar de beirarrúas e servizos renovados nunha marxe da mesma e os dous carrís habilitados para transitar. As obras retomaranse en setembro, para operar sobre a marxe dereita e concluirán en tres meses.
O goberno local pide a Telmo Martín que faga unha oposición "seria e responsable", que evite recorrer "á mentira e a difamación", algo que podería facer, ironizan "se non estivese fóra de Sanxenxo a maior parte do tempo".
OS POPULARES REITERAN A SÚA DENUNCIA
A pesar diso, o PP volveu a acusar ao Concello e á Deputación de tomar a decisión de deixar un carril cortado en Luís Rocafort durante este verán.
"Preguntámonos se isto foi o froito dun concurso para ver a quen se lle ocorre a peor idea posible ou é que en Sanxenxo, en lugar de mandar o alcalde, as decisións as toma o deputado provincial de mobilidade, do BNG", sinalan os populares.
O PP reclama que se deseñe a execución da reforma de maneira que o corte dun carril se faga a partir de setembro e avanzan que farán "todo o que estea na nosa man" para impedir estas restricións de tráfico neste viario.
Relacionadas:
-
Os veciños de Luis Rocafort: "Beirarrúas si, estacionamento tamén"
Por Antía Fernández Buján |
-
A Policía Local de Sanxenxo inicia un plan de tráfico en Luis Rocafort ata o 15 de xuño
Por Redacción |
-
Estudarán fórmulas para compensar o aparcamento que perderá Luis Rocafort
Por Redacción |
-
Telmo Martín recomenda ao tripartito de Sanxenxo "que fagan exame de conciencia e se poñan a traballar"
Por Oskar Viéitez |
-
As obras de Luís Rocafort comezarán o 1 de marzo e interromperanse no verán
Por Oskar Viéitez |
-
Nexia-Ors proposta para reformar a avenida Luis Rocafort en Sanxenxo
Por Redacción |