A EDAR de Praceres acolle un estudo para mellorar a depuración de augas residuais
Por Redacción
A Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Praceres, en Pontevedra, alberga desde este mes de febreiro e durante o próximo ano e medio un proxecto de innovación dirixido pola Unidade Mixta CIGAT.
Desenvolverase unha tecnoloxía innovadora, en concreto unha tecnoloxía de fango granular aerobio, que permitirá eliminar da auga residual o exceso de materia orgánica e nutrientes que provocan a contaminación do medio acuático.
O proceso contempla un tratamento baseado en agregados de bacterias (biopelículas) que permitirán unha depuración das augas residuais dun xeito máis sostible que os sistemas convencionais. A aplicación deste sistema suporá un aforro substancial de enerxía, a redución dos custos asociados ao tratamento das augas, e a redución do espazo de implantación, o que fai que non sexa necesario dispor de grandes extensións de terreo para obter unha auga limpa apta para verter ao medio natural.
O proxecto está a probar esta tecnoloxía para o tratamento de diferentes augas residuais, incluíndo a propia auga da EDAR de Praceres. Os resultados obtidos poderán ser empregados para a mellora do sistema actual de depuración da EDAR pontevedresa, así como para o tratamento sostible doutras tipoloxías de auga residual en Galicia.
A Unidade Mixta CIGAT representa a unión entre a empresa Viaqua e o centro tecnolóxico Cetaqua Galicia para o desenvolvemento de liñas de investigación conxuntas no tratamento de augas residuais. Esta unidade mixta conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).