A gran inserción laboral que ofrece a FP, principal reclamo de Edugal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Este mércores abriu as portas Edugal, o salón da oferta de educación e formación de Galicia que ten coma principal reclamo as posibilidades de formación e alta cualificación, así como de innovación e inserción laboral que ofrece actualmente a Formación Profesional galega.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou que hoxe, a FP caracterízase pola súa "calidade, dinamismo, empregabilidade e o número de posibilidades para a recualificación profesional e a formación continua".
A maiores do conselleiro, o acto tamén contou coa participación do presidente da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (AEMPE), Jose María Corujo; da deputada provincial Digna Rivas; da concelleira de Benestar Social e Educación, Carmen Fouces; e do presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa.
Edugal atrae a centenares de estudantes galegos que buscan orientación sobre os estudos superiores. Pola feira, que se prolongará xoves e venres, pasarán 2.000 alumnos e alumnas de preto de 35 institutos de diferentes puntos de Galicia.
Universidades, centros de formación profesional, institutos ou asociacións forman parte da listaxe de expositores dun salón que permite ofrecer ao alumnado unha panorámica que dá unha visión conxunta ao estudante da oferta formativa que se abre para eles tralo remate dos estudos obrigatorios.
Así, entre outras, a feira conta coa participación do Conservatorio de Música Manuel Quiroga, cos CIFP A Granxa de Ponteareas e Carlos Oroza; así como coa Escola de Imaxe e Son de Vigo.
Ademais, profesores e alumnos do IES Chan do Monte de Marín expoñen a súa experiencia no programa Erasmus e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia organiza un obradoiro de vestiario teatral. O programa de actividades complétase con varias charlas de orientación universitaria.
Relacionadas:
-
Edugal, un punto de encontro para averiguar que queres ser de maior
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Edugal, a maior feira de formación de Galicia, chega a Pontevedra do 7 ao 9 de marzo
Por David Arana |
-
Catro estudantes do IES Montecelo acadan bolsas Erasmus + para estudar en Italia e Portugal
Por Redacción |
-
EDUGAL: Tres días para que os estudantes analicen o seu futuro vencellado ás empresas
Por Redacción |
-
Edugal celebrarase do 15 ao 17 de febreiro
Por Oskar Viéitez |