A Marea Branca volve á rúa este sábado 18 para reclamar vacinas e medicinas para todos os pacientes
Por Redacción
Os integrantes do movemento cidadán da Marea Branca volverán concentrarse este sábado 18 ás 12.30 na praza da Peregrina dentro do calendario de protestas que levan a cabo para reclamar unha sanidade pública e universal, en contra da privatización da asistencia sanitaria e reclamando a reapertura das camas pechadas nos hospitais galegos, ademais da achega de vacinas e medicamentos para todos os pacientes.
Desde esta plataforma denúnciase que se rexistrou un incremento dun 30% nas listas de espera ata o punto de que 300.000 pacientes galegos atópanse á espera de ser atendidos. Os integrantes deste movemento manteñen, ademais, que desde o Sergas ocúltanse os datos obxectivos para evitar publicar os datos reais do tempo de espera que sofren os pacientes para ser atendidos nas consultas.
Indican que os orzamentos de 2017 recollen partidas de máis de 197 millóns de euros que a Xunta destina para pagar os concertos con centros privados ou máis de 144 millóns de euros para incentivos ao "rendemento", o que entenden como unha porta aberta para que se realicen menos probas e menos derivacións a especialistas.
Denuncian que, en cambio, para investigación sanitaria destínase pouco menos de dous millóns de euros. Ademais, lamentan que o presidente do executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, defenda aos presuntos responsables das mortes dos enfermos de hepatites C por atraso na aplicación do tratamento.
Ante esta situación, fan un chamamento á cidadanía para que se somen á concentración do próximo sábado na praza da Peregrina.