A alcaldesa de Cambados denuncia a publicación de noticias falsas para danar a súa imaxe
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa de Cambados, a socialista Fátima Abal, anunciou este martes a súa intención de presentar unha denuncia ante a publicación na internet dunha noticia falsa na que se informaba que a primeira edil fora detida por un delito de falsidade documental.
A noticia falsa foi lanzada pola web 12 Minutos que permite que calquera usuario poida xerar este tipo de "bromas".
Fátima Abal descoñece quen está detrás desta publicación pero sostén que o seu único obxectivo é danar a súa imaxe pública como alcaldesa polo que está decidida a pedir responsabilidades por este tipo de accións.
A alcaldesa de Cambados tivo coñecemento desta publicación tras ser advertida da súa circulación na súa páxina de Facebook, onde saíu ao paso desta noticia falsa aclarando que "estou cada día máis orgullosa do ben que o estamos facendo no cuadripartito, que o único que teñen para sacar de nós é sempre inventado".
Fátima Abal sinalou que non é a primeira vez que é obxecto deste tipo de prácticas. "Primeiro puxéronme unha denuncia falsa cun denunciante falso, logo quixeron romper o meu matrimonio dicindo que me ía a vivir cun concelleiro, abandonando mesmo aos meus fillos, e o último que estou detida desde as sete da tarde. Só quédame por dicir 'ladran, Sancho, sinal de que cabalgamos'".