A Xunta e o Concello de Marín asinan o convenio da nova Escola Infantil de Seixo
Por Redacción
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo este martes no seu despacho de San Caetano un encontro de traballo coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, na que se formalizou o convenio de colaboración para a xestión e financiamiento da escola infantil de Seixo, que entrou en funcionamento o pasado mes de setembro e que nestes momentos conta con 40 escolares menores de 3 anos.
Ademais, ambos os dirixentes realizaron un repaso sobre outros equipamentos e servizos sociais cos que conta a vila como as obras de mantemento e mellora a Residencia de Maiores e tamén noutras escolas infantís da Casa do Mar e á de San Pedro. Precisamente estudáronse as posibilidades de ampliar e os usos sociosanitarios da Casa do Mar para o que é necesaria a cesión de espazos, unha xestión que corresponde á Administración do Estado. A intención por parte da Xunta e do Concello é darlle novos usos ao inmoble relacionados coa atención a dependentes.
O convenio asinado enmárcase no acordo marco da Xunta cos concellos a través da Fegamp para a xestión compartida das Escolas Infantís e centros de día.
Por outra banda, Rey Varela destacaba nesta reunión o aumento no número de horas do Servizo de Atención ao Fogar (SAF) cunha subida de 5.616 horas anuais, que permite situar a cociente de atención a dependentes no contorno familiar por encima do 95%. A esta mellora hai que engadir o incremento en 10 novas prazas de atención asistencial a persoas con alzhéimer, que reciben os coidados na unidade situada na Casa do Mar.