Prefiren pasar seis meses en prisión que pagar unha multa
Por Oskar Viéitez
Vanessa, Ivana e David admitiron roubarlle a carteira a unha enfermeira no centro de saúde vilagarcián de San Roque e que trataron de baleirar a súa conta bancaria.
As letradas da defensa e o fiscal alcanzaron un acordo de conformidade, en virtude do cal a cambio de recoñecer a autoría dun delito continuado de estafa rebaixóuselles a petición de pena de catro anos de cárcere e unha multa de sete euros diarios durante dez meses a unha condena de seis meses de prisión que podía ser substituída polo pago dunha multa, unha opción que non quixeron.
Que os acusados preferisen ir ao cárcere sorprendeu ás maxistradas da Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra que repreguntaron ás letradas que exercían a defensa se ese era o desexo dos seus clientes. Igual asombro causou ao fiscal esta decisión tan pouco habitual.
Os tres acusados admitiron que en febreiro do 2011, aproveitaron un descoido da enfermeira para subtraerlle a carteira do seu bolso, que estaba colocado no interior dunha vitrina da consulta de pediatría. Nela, a vítima portaba a súa documentación persoal.
Varios días máis tarde, dirixíronse a unha sucursal do BBVA en Vilagarcía e utilizaron os documentos da enfermeira para extraer da súa conta corrente persoal seiscentos euros, previa simulación da firma da súa vítima.
Catro días despois, as mesmas dúas persoas trataron de repetir a operación, elevando a cantidade requirida a mil euros. Nesta ocasión, con todo, quen lles atendeu estaba prevido e non lles entregou o diñeiro.