Detidas 19 persoas que distribuían droga entre a mocidade de Pontevedra no río Gafos
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional adscritos ao Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes, como continuación á investigación denominada Operación 'Itinere', detiveron agora a 19 persoas, 18 homes e unha muller de entre 17 e 45 anos de idade, todos eles veciños de Pontevedra como presuntos distribuidores polo miúdo de sustancias estupefacientes, haxix e marihuana principalmente.
Esta operación fora iniciada no seu momento pola Policía Local tras detectarse un gran movemento de mozos consumindo sustancias estupefacientes nunha zoa próxima ao paseo do Río Gafos. As investigacións foron continuadas polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría Provincial.
No mes de outubro de 2016 eran detidos tres mozos, veciños de Pontevedra como presuntos autores dun delito contra a saúde pública. O grupo operativo continuou coa investigación de toda a información obtida a raíz das detencións dos investigados, así como dos tres rexistros domiciliarios practicados inicialmente. Determinouse que un dos tres detidos, un mozo de 19 anos de idade, realizaba unha gran actividade na venda de sustancias estupefacientes.
A partir de aí, os axentes comprobaron que o mozo mantiña relacións mercantís con outras 17 persoas, veciñas de Pontevedra, algunhas menores de idade. Comprobaron como nun período de apenas seis meses, pasara de ser un mero comprador a ser un distribuidor activo destas sustancias, mantendo unha relación estable co resto dos detidos.
Os axentes comprobaron ademais que o mozo non tiña ningún tipo de reparo en realizar vendas de sustancias estupefacientes a menores de idade. Unha vez solicitados todos os indicios, os investigadores iniciaron as detencións e os rexistros domiciliarios o luns 16 de xaneiro e finalizaron a operación cunha última detención o 7 de febreiro.
Nos rexistros domiciliarios interviñéronse pequenas cantidades de haxix e marihuana, útiles para a manipulación e cultivo das distintas sustancias estupefacientes, ademais de obxectos electrónicos dos que se están levando a cabo comprobacións para detectar a súa procedencia.
Relacionadas:
-
Penas mínimas para catro individuos por trapichear con droga nun vello muíño do río Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Un mozo de 23 anos, detido por vender haxix e marihuana preto dun instituto
Por Redacción |
-
Detidas dúas persoas por vender droga no ámbito da Ferrería
Por Redacción |
-
Desmantelan un punto de venda de droga no río dos Gafos
Por Oskar Viéitez |