O plan de emprego levará 30 novos traballadores a Bueu
Por Redacción
O plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2017 da Deputación de Pontevedra, o coñecido como Plan de Emprego, permitirá ao Concello de Bueu contratar 30 persoas.
Segundo a información facilitada polo Concello, contratarán 21 peóns de limpeza durante cinco meses que se van encargar maioritariamente da limpeza e mantemento dos areais bueueses, para que se poidan manter as esixencias das catro praias que gozan do distintivo de Bandeira Azul: Portomaior, Area de Bon, Lagos e Lapamán.
Estas persoas tamén se encargarán da limpeza das áreas medioambientais e infraestruturas de titularidade municipal que son moi usadas sobre todo na época primaveral e estival.
A listaxe de contratos completarana un peón de carpintaría e dous de xardinería, que estarán empregados durante seis meses; un peón electricista durante oito; catro auxiliares administrativos durante seis meses; e un monitor deportivo por un total de cinco meses.
A web municipal xa ten información relativa ás ocupacións concretas, xunto ao código co que as persoas deben estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Cangas, oficina desde a que se fará unha preselección.
A novidade desta convocatoria é que poden participar todas as persoas desempregadas, independentemente de que estean ou non percibindo unha prestación por desemprego ou un subsidio.
Para todas as ocupacións, excepto persoal de limpeza, vaise pedir experiencia. No caso concreto dos auxiliares administrativos, a formación que se solicitará será a de ciclo medio en xestión administrativa e/ou ciclo superior en administración e finanzas; no caso dos monitores, debe acreditarse a formación en técnico de animación en actividades físico deportivas.